Ramón Villares, lembrou o traballo de Francisco Rio Barja no Consello da Cultura Galega, institución da que formou parte desde a súa creación en 1983. Primeiro como representante do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, do que era daquela director, e desde 1996 como persoeiro elixido polo Plenario. Citou publicacións como “Os ríos galegos” ou os vídeos “Xeografía de Galicia”.
Salientou Ramón Villares o contributo do profesor Río Barja, quen fora discípulo de Ramón Otero Pedrayo, ao desenvolvemento dos estudos e investigacións en todo o relacionado coa Xeografía e os seus traballos pioneiros en Xeografía Económica, nomeadamente os referidos aos ámbitos comarcais galegos. “Alén da súa longa e intensa dedicación docente, foi un gran divulgador e popularizador da Xeografía de Galicia cos seus libros e, moi especialmente, a través dos traballos realizados desde o Consello da Cultura Galega en colaboración coa a Televisión de Galicia”, dixo Ramón Villares, quen recordou a Francisco Río Barja como “un home discreto, amable e elegante”.

