O estudo referido intentaba tamén ver como poden crear os Estados membros da Unión Europea uns sistemas de representación política máis satisfactorios en países que contan cunha poboación cada vez máis diversa de suxeitos multiétnicos e conscientes da súa identidade de xénero e das súas diferenzas. Falamos dun contexto en que “grandes sectores da poboación maioritaria manifestan tamén ter dificultades á hora de se identificaren coa clase política dominante no seu país e entenden que una solución viría dada pola representación sociolóxica”.
En Polonia, España e Macedonia os participantes amosáronse preocupados sobre todo pola eficiencia racional, nunha conxuntura en que xa tiveran experiencias con políticos ineficaces e nada comprometidos que non eran quen de levar a cabo as mudanzas e as melloras necesarias. Con todo, pensouse tamén en diversas clases de representantes que puidesen dirixirse ás diferentes identidades étnicas, relixiosas, sexuais e locais pasando por riba da política do seu partido e, dado que estas son cualidades que, por definición, non se poden atopar nunha soa persoa, o estudo apunta á conveniencia de contar con circunscricións electorais pluripersoais como punto de partida para instituír unha cultura de receptividade política practicada por un corpo máis diverso de representantes.
A principal conclusión do estudo indica que desde o punto de vista da xente non se percibe que os lexisladores estean a actuar como representantes e, na súa maioría, son seres anónimos e invisibles. Así as cousas, para se sentir representada, á cidadanía gustaríalle que actuasen como lexisladores e representantes dun xeito inclusivo. Ou sexa, “non atendendo ás necesidades de electores particulares de maneira clientelista, senón ofrecendo apoio fundamentado, participando en conversas políticas ou informando das súas actividades de tal modo que dean a impresión de estaren a facer un traballo que xustifica a súa elección e a súa remuneración”.
A investigadora salientou asemade a importancia e a necesidade do estudo das perspectivas dos cidadáns sobre a representación política e as súas preferencias particulares por diversos tipos de representantes. “Unha investigación orixinal que, enfatizou, viría encher un baleiro nas análises académicas”.
Mónica Threlfall dirixe actualmente un dos equipos do proxecto “FEMCIT-A Cidadanía Xerada nunha Europa Multicultural”, que sostén que a representación política debe reorganizarse para que cidada(n)s e residentes se sintan incluídos. Ten publicado traballos sobre o papel das organizacións da sociedade civil na transición democrática, o consenso ou o movemento feminista en España.
A intervención de Mónica Threlfall formou parte do seminario interdisciplinar “O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)”, que, desde hai tres anos, ven realizando o Consello da Cultura Galega coa coordinación do profesor Ramón Maiz.

