----

Primeiro debate sobre "As ensinanzas superiores de Música e Artes Escénicas no Espazo Europeo de Educación Superior", no Consello da Cultura Galega

Os relatores que interviron esta tarde na xornada de debate “As Ensinanzas Superiores de Música e Artes Escénicas no espazo Europeo de Educación Superior: situación e perspectivas” salientaron a necesidade de desenvolver o marco normativo actual e o estatuto e estabilidade dos docentes.

sesión foi organizada pola Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e contou coa asistencia e a participación de cen docentes das materias. Na apertura interviron o Presidente da institución, Ramón Villares, o Director xeral de Educación, formación Profesional e Innovación Educativa, Xosé Luís Mira Lema, e o coordinador da Sección, Maximino Zumalave.

A necesidade de recoñecer o marco normativo no que actualmente se ubican ás Ensinanzas Artísticas Superiores de Música e Artes Escénicas foi a primeira chamada de atención dos relatores. Recordaron que desde o proceso de Converxencia no Espazo Europeo da Educación Superior (EEES), a publicación da Lei Orgánica de Eduación (LOE) e toda a normativa que se veu producindo desde o 2006 ata hoxe, son a tódolos efectos parte deste deste EEES.

Falaron tamén da necesidade de desenvolver este marco normativo por parte das administracións desde cada un dos niveis de responsabilidade: Estado e Autonomías, e da conveniencia de definir o estatuto e estabilidade dos docentes que teñen a responsabilidade nestas ensinanzas superiores, en homoloxía cos demais corpos docentes das ensinanzas universitarias. Trataríase de crear un marco normativo que permita a renovación e a maior eficacia das metodoloxías docentes.

Os ponentes subliñaron a necesidade de atender á regulación e desenvolvemento das Ensinanzas Artísticas Superiores como parte fundamental do desenvolvemento cultural da sociedade na que se insertan. Desenvolvemento cultural que debe abrir vías para potenciar, ampliar e aproveitar as posibilidades dos titulados como especialistas de alto nivel competencial, para a súa integración no mercado de traballo e para o beneficio da sociedade, que fixo posible a súa formación.

De todo esto falaron Alberto Veintimilla Bonet, Director do Conservatorio Superior de Música do Pirncipado de Asturias, que foi presentado por Luís Costa, Director do Conservatorio “Manuel Quiroga” de Pontevedra,  e Ángel Martínez Roger, Director da Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid, presentado por Manuel Vieites, Director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Os relatores interviron tamén na mesa redonda final á que se incorporaron Sergio Sieiro, profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña, e Juán Durán Alonso, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Pola súa parte o Director Xeral de Educación, Xosé Luís Mira, que falou da xornada como “o principio dun traballo”, destacou que “para as ensinanzas artísticas superiores a necesidade de estrutura, de organización, de sistematización lexislativa é, por razóns históricas, máis perentoria que noutros ámbitos educativos. Se ademais pensamos nunha converxencia real coa Unión Europea, a necesidade de normalización é decididamente urxente”.

II XORNADA O 2 DE MARZO

A xornada de debate celebrada hoxe terá continuidade o vindeiro 2 de marzo con outra sesión dedicada ao tema “Ordenamento musical en Galicia: a racionalización dos recursos musicais”, na que intervirán Javier Alfaya, Tomás Marco, Xerardo Estévez, Luís Mera, Enrique Jiménez e Maximino Zumalave. A xornada terá lugar tamén no salón de actos do Consello da Cultura Galega a partir das 16´30 horas.