----

“O sitio web www.poesiagalega.org aspira a ser referencia para o estudo da poesía e a literatura galega”, di Arturo Casas, coordinador

O sitio web www.poesiagalega.org, base de datos e repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos pretende constituirse en referencia para o estudo e a investigación da poesía e a literatura galega contemporáneas.

Así o espera o seu coordinador, Arturo Casas, que presentou hoxe o proxecto no Consello da Cultura Galega, acompañado por Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, que colabora, acolle e apoia, económica e tecnolóxicamente, esta iniciativa. O sitio web da poesía, impulsado polo Grupo Alea de Análise Poética (GAAP), constituído en xaneiro de 2009 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, intégrase na plataforma cultural www.culturagalega.org do Consello da Cultura Galega.


A base de datos conta actualmente con algo máis de 200 documentos que se poden consultar e descargar: 150 textos, 43 fotografías, 8 vídeos, 5 arquivos de son e catro libros dixitalizados. Arturo Casas dixo que esperan alcanzar os 1.500 documentos á finalización do proxecto en decembro de 2012.


Na base de www.poesiagalega.org están o labor do GAAP e un proxecto de traballo desenvolvido por un equipo de investigación que no marco do Programa Sectorial de Investigación aplicada da Xunta de Galicia obtivo financiamento público da Consellería de Economía e Industria para o trienio 2010-2012. En relación coa elaboración do repositorio, o soporte técnico e a continuidade ulterior do que representa o sitio web contou así mesmo co financiamento do Consello da Cultura Galega, que, como explicou a vicepresidenta Rosario Álvarez, acolle o proxecto no seu propio espazo web.


Para o GAAP www.poesiagalega.org “representa o resultado inicial dun traballo de colaboración en proceso que, a medida que incremente contidos e información, está chamado a constituírse nun dos lugares de referencia para o estudo e a investigación da poesía e a literatura galegas contemporáneas no espazo cultural de seu e nun marco amplo de relacións interculturais”. Pretende ser tamén unha axuda para a formación, particularmente no ensino medio, como explicou o coordinador, que salientou tamén o emprego do código aberto e do software libre ao servizo dun coñecemento aberto.


Inicialmente constitúen o GAAP Arturo Casas (coordinador), Iris Cochón, Lorena Domínguez Mallo, Margarita García Candeira, María López Sández, Isaac Lourido, Chus Nogueira, Montse Pena, María do Cebreiro Rábade e Iria Sobrino. É posíbel que no futuro se incorporen outros investigadores que asuman os obxectivos indicados e acheguen iniciativas e puntos de vista dinamizadores do proxecto. Boa proba disto que se indica reside no feito de que o proxecto poesiagalega.org, no que se integraron sete dos dez membros do GAAP, conte coa participación de seis investigadores externos ao grupo (Helena González, Dolores Vilavedra, Olivia Rodríguez, Ana Acuña, Miro Villar e José Luís Forneiro), aos que se pode sumar tamén o nome de Laura Mariño, quen une aos seus coñecementos técnicos sobre edición dixital a formación filolóxica.