Asistiron os integrantes da Comisión, na que están representados o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e as fundacións Rosalía de Castro, Alfredo Brañas e Castelao. A proposta configura o Panteón de Galicia como unha Entidade de Dereito Público, parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e elemento singular da súa identidade. Subliña que ha desempeñar “un papel vivo e activo como lugar de encontro, de aprendizaxe e de alento do sentir da comunidade dos galegos de dentro e de fóra do país” e que se situará en Santiago de Compostela, seguindo a tradición iniciada co Panteón de Galegos Ilustres.
A Proposta de lei entregada á presidenta do Parlamento de Galicia ten como obxecto “recoñecer como un elemento singular da identidade galega e da súa continuidade histórica, o Panteón de Galicia e proceder a regular a súa xestión, uso e conservación, así como a determinación de quen pode ser digno de honra no dito Panteón e do procedemento para levalo a cabo”. Trátase, explica, dun “espazo físico singular, diferenciado e autónomo, destinado en exclusiva a honrar e perpetuar a memoria das persoas que teñen contribuído á construción, coñecemento, difusión e defensa da identidade de Galicia ou ao desenvolvemento e progreso do pobo galego, en particular, e de toda a humanidade, en xeral”.
O texto aborda a regulamentación do Consello do Panteón de Galicia como organismo de dereito público, con personalidade xurídica propia para o cumprimento dos seus fins e adscrito ao Parlamento de Galicia a través da súa Presidencia. Detalla as previsións normativas e a estrutura orgánica dese organismo e dos seus órganos (Comisión de Goberno, Comisión Asesora, Presidencia e Secretaría Xeral).
A Proposta atende o relacionado co financiamento público diferenciado, dentro dunha sección específica do Parlamento de Galicia, e coa xestión, os usos e a tramitación de honras no Panteón de Galicia. Para a incoación do expediente de honras deberán transcorrer 25 anos dende o pasamento.
Precisa tamén a gratuidade dos cargos do Consello do Panteón, ao que o Consello da Cultura Galega “proporcionará o apoio material e persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións” e será a súa sede mentres non se lle asigne outra. Con esa finalidade o Consello da Cultura Galega e o Parlamento de Galicia subscribirán os oportunos convenios de colaboración.
A Comisión Técnica redactora da Proposta de lei foi aprobada polo Pleno do Consello da Cultura Galega o pasado 27 de xullo e estivo presidida por Ramón Villares, presidente desta institución, e integrada por Rosario Álvarez Blanco e Xosé Antonio García Caridad (Consello da Cultura Galega), Xosé Ramón Barreiro Fernández (Real Academia Galega), Justo Beramendi González (Museo do Pobo Galego), Helena Villar Janeiro (Fundación Rosalía de Castro), Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao) e Francisco Puy Muñoz (Fundación Alfredo Brañas). A Proposta de lei do Panteón de Galicia consta dunha exposición de motivos, tres títulos, unha disposición adicional, oito disposicións transitorias e unha disposición derradeira. É o resultado de varias sesións de traballo e análise levadas a cabo pola Comisión Técnica ao longo de seis meses.