No acto, ao que asistiron máis de cen persoas, participarán tamén representantes da Real Academia Galega das Ciencias, Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, Real Academia Galega e Universidade de Santiago de Compostela, das que foi parte o ilustre profesor desaparecido. “Aquí estamos xuntos na lembranza/ mentras o teu ser se funde coa paisaxe”, cantou o poeta e académico Salvador García Bodaño, que recitou o poema “A paisaxe da palabra” escrito para a ocasión.
O acto foi presentado por Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, e contou coas intervencións iniciais, “Francisco Río Barja na memoria”, de Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, e Salvador García Bodaño, poeta e académico.
Seguirá un recital de piano a cargo de Xulio Mourenza, profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que interpretará obras de Claude Debussy e Xan Durán.
Falaron despois os resentantes institucionais: Miguel Ríos Fernández, vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias; Eduardo Pardo de Guevara, director do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, Juan Casares Long, reitor da Universidade de Santiago, e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. O acto rematou coa proxección dun vídeo coa imaxe e a palabra do homenaxeado.
Disculparon a súa ausencia a Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, o Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda.
O director de Hércules de Ediciones, Francisco Rodríguez Iglesias, anunciou un próximo acto de homenaxe da editorial a Francisco Río Barja, autor da obra “Galicia, esa descoñecida”, que vai xa pola décima ediciòn.
PLANIFICADOR E DIVULGADOR DA XEOGRAFÍA
Francisco Río Barja faleceu o pasado 6 de xaneiro aos 91 anos de idade. Ramón Villares lembrou o seu traballo no Consello da Cultura Galega, institución da que formou parte desde a súa creación en 1983. Primeiro como representante do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, do que era daquela director, e desde 1996 a marzo de 2010 como persoeiro elixido polo Plenario. Entre os seus traballos citou publicacións como “Os ríos galegos”, en colaboración con Francisco Rodríguez Lestegás, os vídeos “Xeografía de Galicia” ou o “Diccionario Xeográfico de Galicia”.
Salientou o contributo do profesor Río Barja, quen fora discípulo de Ramón Otero Pedrayo, ao desenvolvemento dos estudos e investigacións e planificación en todo o relacionado coa Xeografía e os seus traballos pioneiros en Xeografía Económica, nomeadamente os referidos aos ámbitos comarcais galegos. “Alén da súa longa e intensa dedicación docente, foi un gran divulgador e popularizador da Xeografía de Galicia cos seus libros e, moi especialmente, a través dos traballos realizados desde o Consello da Cultura Galega en colaboración coa a Televisión de Galicia”, dixo Ramón Villares, quen recordou a Francisco Río Barja como “un home entusiasta, discreto, amable e elegante”.

