----

Aposta por novas formas de difusión da música e por unha maior racionalización dos recursos musicais

Será necesario buscar novas formas de difundir a música nun tempo de crise que se fará sentir máis nos dous ou tres vindeiros anos. Así o entende o crítico Álvaro Guibert, que  esta tarde abriu  a xornada de debate ORDENAMENTO MUSICAL EN GALICIA. A RACIONALIZACIÓN DOS RECURSOS MUSICAIS, organizada pola Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega.

Na sesión, coordinada por Maximino Zumalave, participaron tamén o compositor Tomás Marco e o arquitecto Xerardo Estévez. Cincuenta persoas seguiron os debates no slaón de actos da institución.

Para Álvaro Guibert trátase de aproveitar mellor os recursos dispoñibeis, as infraestruturas coas que contamos e que foron implementadas “en tempos de vacas gordas”. Trátase asemade de manter un certo gusto pola música conslidado ao longo das tres últimas décadas. Unha realidade actuante tanto máis notable canto que non goza a música dunha posición destacada entre os elementos configuradores do que chamamos cultura, segundo explicou o compositor Tomás Marco.

A xornada partiu da importancia de achegar a música á xente -levala a onde está a xente, tamén a Internet, como dixo Guibert- e do mellor aproveitamento dos recursos públicos destinados a ese obxectivo. ¿Pode mellorarse a atención musical en toda Galicia racionalizando o uso dos recursos, sen aumentar o gasto e mesmo reducíndoo? Os relatores ofreceron, con matices, unha resposta afirmativa. Hai que intentalo en “tempos de vacas flacas”.

Xunto con Álvaro Guibert, Tomás Marco e Xerardo Estévez participaron tamén na sesión, como introductores, Luís Mera e Enrique Jiménez, integrantes da Sección de Música e Artes Escénicas, e Maximino zumalave, coordinador, que presentou a xornada de debate xunto co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.