Estreouse no Teatro Jofre de Ferrol e en Compostela o “Concerto para trompa e orquestra” do pianista e compositor galego José Arriola (1895-1954)

O Teatro Jofre de Ferrol acolle hoxe ás 20´30 horas a estrea absoluta do “Concerto para trompa e orquestra” (1948), de José Arriola (1895-1954), interpretado pola Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Maximino Zumalave e con David Fernández Alonso como solista á trompa.

A obra de José Arriola, precoz e extraordinario pianista e compositor galego, que estudou e se radicou en Berlín, puido ser rescatada co traballo da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. Esta institución e o Consorcio de Santiago coeditaron e presentaron en xuño de 2010 o libro “Arriola. Obra musical”.

O concerto desta tarde no Teatro Jofre de Ferrol, ademais da estrea da obra de José Arriola, inclúe o “Concertino para orquestra de corda” (2010), de Federico Mosquera, e a Sinfonía número 92 en Sol maior “Oxford” (1788), de Franz Joseph Haydn (1732-1809). Conta cos patrocinios do Concello e o Club de Prensa de Ferrol, o Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega.

José Arriola (Betanzos 1895-Barcelona 1954), membro dunha familia senlleira na que tamén sobranceou a súa curmá Hildegart Rodríguez Carballeira, foi un neno prodixio do piano e, co paso do tempo, un gran compositor. Naceu en Betanzos, viviu os primeiros anos en Ferrol e deu o seu primeiro concerto cando só contaba tres anos. Despois foi a Berlín, onde se formou musicalmente á beira de Richard Strauss.

Das súas excepcionais habilidades e da súa precocidade dá fe a súa primeira xira internacional cando aínda non cumprira os sete anos. En Berlín radicaríase, chegaría a ser pianista do Emperador Guillermo II, e desde alí irradiaría o seu talento mundialmente recoñecido. En Berlín sufriu tamén a perda da súa biblioteca e da súa obra por causa dos bombardeos ao final da Segunda Guerra Mundial.

O traballo memorialista de Luís Mera, secretario do Club de Prensa de Ferrol e motor da recuperación da figura e do legado de José Arriola, tomou corpo da man do decidido compromiso do Consello da Cultura Galega. Foi a Sección de Música e Artes Escénicas, coordinada entón por Ramón Castromil, tamén destacado pianista, a encargada de realizar un traballo que tivo a súa primeira presentación cunha conferencia-concerto o 1 de febreiro de 2006 e culminou o ano pasado coa publicación  do libro “Arriola. Obra musical”. Nesta fase asumiu Maximino Zumalave a coordinación da Sección de Música e Artes Escénicas. O director da Real Filharmonía de Galicia xa tivo ocasión de dirixir e presentar outras dúas obras de Arriola nun concerto celebrado o pasado 16 de xuño no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.