----

O Consello da Cultura Galega amadriña o "Sábado do autor Cunqueiro" na Cidade da Cultura

O Consello da Cultura Galega amadriña o programa "Ceo das Letras. Sábados de Autor", que ven celebrándose na Cidade da Cultura de Galicia, en Compostela, e que o 2 de abril estará dedicado a Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 - Vigo, 1981), baixo o lema "Cunqueiro e a maxia da palabra".

Os actos comezarán ás 12 horas na Biblioteca da Cidade da Cultura cun relatorio do actor e director teatral Quico Cadaval. De seguido o narrador oral Cándido Pazó ofrecerá o espectáculo cómico "Cunqueiradas" con historias e lerias inspiradas nos contos do xenial escritor mindoniense. O Consello da Cultura impulsa, polo demais, un amplo programa de actos conmemorativos do centenario cunqueirián.