----

Informe anual de actividade da Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos neste último informe, ao longo do ano 2018 tramitáronse 303 expedientes de queixas, atendéronse 29 consultas e recibíronse 58 parabéns. Igual que acontecía en anos anteriores, os dous principais motivos das queixas foron a exclusión e discriminación do galego (30%) e a deturpación da toponimia (22%). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, o 46% das queixas van dirixidas a administracións e institucións públicas, o 23% a empresas de servizos, o 20% a institucións privadas, o 8% a entidades bancarias e o 3% a empresas de telefonía.