----

Nova plataforma para visibilizar a oferta empresarial en galego

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo presentan a iniciativa #Galegoempresas, unha plataforma que achega información sobre as empresas con sede nestes tres municipios que ofrecen produtos e servizos en galego. O obxectivo é dar visibilidade a aqueles negocios que apostan polo galego e, ao mesmo tempo, poñer en valor o uso do noso idioma como marca de calidade no sector empresarial. Aquelas empresas interesadas en incorporarse a esta plataforma só teñen que cubrir unha ficha e un formulario de autodiagnóstico, que revisará e validará o equipo promotor de #Galegoempresas. Pola súa parte, os consumidores poden usar a plataforma para coñecer, localizar e valorar a oferta empresarial existente en galego.