----

17 de Maio en San Domingos de Bonaval e pola TVG-2, "Concerto do Día das Letras Galegas" para reforzar a dimensión festiva e conmemorativa da xornada

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2011.- O Consello da Cultura Galega programou para o día 17 de maio o primeiro “Concerto Día das Letras Galegas”, que ofreceu a orquestra Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave na igrexa de San Domingos de Bonaval cun programa que uniu música e palabra nas partituras de destacados compositores sobre textos de figuras sobranceiras da litreratura galega. O Plenario da institución, a proposta da Sección de Música e Artes Escénicas, coordinada por Maximino Zumalave, aprobou a organización deste acto institucional o pasado 28 de abril.  Ao concerto, retransmitido pola TVG-2, asistiron representacións de institucións e entidades da cultura e a sociedade galegas. Entre outros, a Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e o Arcebispo de Santiago, Julián Barrio. 250 persoas seguiron o concerto en Bonaval.

A Real Filharmonía de Galicia, acompañada pola soprano Carmen Durán e o coro “Collegium Compostellanum”, interpretou obras de Pascual Veiga, Antón García Abril, Antonio Iglesias, José Castro “Chané” e Roxelio Groba. Trátase de partituras compostas sobre textos de Rosalía de Castro, Álvaro de las Casas, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez e Xosé Filgueira Valverde.

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, subliñou o obxectivo de “contribuir con este concerto institucional, con vocación de permanencia no tempo, ao reforzamento da dimensión festiva e conmemorativa do Día das Letras Galegas” e salientou “o valor esencial que a música ten na preservación da identidade cultural de Galicia”. Pola súa parte, Maximino Zumalave destacou o feito de que o concerto “recolle o espírito da maridaxe entre a poesía e a música como demostración da vella unión entre os textos e os pentagramas”.

Para a organización do “Concerto das Letras Galegas” o Consello da Cultura Galega contou coa colaboración do Consorcio de Santiago, que puxo a disposición a Real Filharmonìa de Galicia, e do Arcebispado de Santiago de Compostela, que acolleu a petición de celebralo, polo seu alto valor simbólico, na igrexa de San Domingos de Bonaval, onde repousan as cinzas de ilustres devanceiros.