----

Programación institucional para festexar as Letras Galegas 2019

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con diferentes concellos, entidades culturais e empresas, presentan o programa conxunto de actividades para homenaxear a Antonio Fraguas Fraguas, persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2019. O programa inclúe exposicións, actividades musicais e audiovisuais, iniciativas de participación social (certames, contacontos, obradoiros...), actividades académicas e propostas variadas para o ámbito educativo. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o seu tradicional Concerto das Letras, editará unha publicación conmemorativa con textos de Antonio Fraguas, programará un roteiro cultural polas terras de Cotobade e colaborará (xunto coa Xunta de Galicia e o Museo do Pobo Galego) na organización dun simposio sobre a vida e obra do autor homenaxeado.