A illa de San Simón acollerá mañá unha xornada para público xeral que pretende analizar a cultura medieval pero cunha nova ollada, a que nos permiten as novas tecnoloxías tanto para coñecer como para a súa difusión.
A cita está conformada por catro sesións que prestarán atención á arte, á literatura, á música e ao patrimonio. A xornada comeza cunha conferencia titulada “A restauración do Pórtico da Gloria” e nela interveñen Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral, e Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago de Compostela. A segunda das mesas titúlase “Unha reinterpretación das igrexas altomedievais galegas a partir de novas perspectivas metodolóxicas. Arquitectura, paisaxe e sociedade” e estará a cargo de José Carlos Sánchez Pardo e Rebeca Blanco Rotea. A terceira das mesas contará coa presenza do musicólogo Antoni Rosell, quen falará de “Divulgar e interpretar hoxe a música medieval”. As sesións conclúen cunha conferencia titulada “O universo Cantigas”, na que participan Graça Videira López, da Universidade de Lisboa, quen falará do “Proxecto Littera”; e Leticia Eirín, da Universidade da Coruña que explicará o “Proxecto Glossa”.
Colaboración institucional
Esta iniciativa é o resultado dun acordo de colaboración que asinaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o alcalde do concello de Redondela, Javier Bas, que buscaba establecer unha colaboración estable entre estas dúas entidades. Ese acordo fixa, entre outras accións, a realización dunha actividade anual na illa de San Simón.
Esta colaboración buscará aproveitar a ambivalencia dese espazo tan singular e organizar actividades que teñan vínculo tanto coa época medieval como co seu pasado vencellado ao momento en que foi un lazareto. Se neste primeiro ano está programada unha xornada sobre a cultura medieval, en 2020 está previsto que a cita xire sobre a temática da memoria e do exilio. O acordo implica tamén o préstamo de exposicións que ten o CCG para a difusión da cultura de Galicia e que comezará no segundo semestre deste ano.



