----

Un filme en galego competirá por primeira vez no Festival de Cannes

O idioma galego chega por primeira vez ao Festival de Cannes da man do cineasta Oliver Laxe, que na edición deste ano 2019 competirá na sección “Un Certain Regard” co seu terceiro filme “O que arde”, que se proxectará na súa versión orixinal en lingua galega. A película, rodada integramente en Galicia e ambientada nos Ancares, trata sobre os incendios forestais. A 72ª edición do Festival de Cannes celebrarase entre os días 14 e 25 de maio. A estrea nas salas de O que arde está prevista para finais de 2019, con distribución de Numax.