----

Anúncianse os proxectos gañadores dos Premios Mil Primaveras

O xurado dos Premios Mil Primaveras deu a coñecer os seis proxectos gañadores da súa primeira edición, seleccionados entre as 47 candidaturas presentadas a concurso. Estes premios están promovidos pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua co obxectivo de recoñecer e difundir iniciativas, campañas ou proxectos destinados ao fomento do galego e ao incremento do seu uso e prestixio. Os gañadores desta edición son: Modelo Burela, na categoría de “mellor proxecto estabilizado”; Falemos de ti e min, na categoría de “mellor proxecto novo”; Desafío 48 h, na categoría de “mellor comunicación e impacto”; Youtubeir@s, na categoría de “proxecto máis innovador”; Eu presumo de galego, na categoría de “mellor proxecto de fomento de galego na infancia e/ou mocidade"; e Gciencia, na categoría de “mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial”. En breve estará disponible no sitio web do certame toda a documentación técnica das iniciativas premiadas.
Anúncianse os proxectos gañadores dos Premios Mil Primaveras