----

O Consello da Cultura acolle a “VII Reunión de Escultura Romana en Hispania” en homenaxe a A. Balil

O Consello da Cultura Galega acolle desde hoxe as sesións de traballo da VII Reunión de Escultura Romana en Hispania, en homenaxe á memoria do profesor Alberto Balil Illana. No acto inaugural interviron: Raquel Casal, directora do Departamento de Historia I da USC; José Manuel Rey Pichel, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arquoloxía da USC, que disertou sobre “Alberto Balil e a renovación da arqueoloxía galaica”.

O programa, organizado polo Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela, inclúe comunicacións e relatorios de corenta profesores, especialistas e investigadores de universidades españolas e eruopeas. As sesións continuarán o martes día 5 na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo para retornar o mércores día 6 ao salón de actos do Consello da Cultura Galega.

Alberto Balil Illana (1928-1989), prestixioso profesor e investigador, foi catedrático de Aqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela entre 1968 e 1972 e o gran impulsor e dinamizador desta disciplina na USC, desde onde se trasladou á Universidade de Valladolid “porque a USC non quixo daquela dotar a cátedra”, tal e como recordou Fernando Acuña Castroviejo, discípulo de Alberto Balil e actual catedrático de Arqueoloxía da USC, quen salientou “a fonda pegada que o profesor Balil deixou en todos nós”.