As actividades a realizar desde o Centro de Dcoumentación Sociolingüística de Galicia (CCG) e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, suponen a contribución do Consello da cultura Galega (CCG) á Rede de Dinamización Lingüística e inclúen o proxecto “lingua en titulares”: deseño e desenvolvemento dun buscador de novas relacionadas coa sociolingüística e a planificación lingüística vinculado a un banco de datos específico sobre medios de comunicación. O buscador permitirá o acceso aos titulares de actualidade da lingua, mediante subscrición, a través de aplicacións web e dispositivos móbiles.
Incluén tamén o deseño e desenvolvemento de “d-LINGUA”, unha plataforma web para compartir recursos de tipo técnico destinados á promoción do galego. Trátase dunha plataforma de carácter libre pero que requirirá o rexistro para colaborar e para descargar materiais.
O convenio contempla asemade o proxecto “Cincuenta anos de defensa e promoción do galego”: a documentación de entrevistas e a elaboración de guións para un proxecto documental, en soporte audiovisual, consistente na recolllida de testemuños de personalidades vinculadas á reivindicaciòn e promoción do galego na nosa historia recente.
O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, salientou a importancia do acordo, que “permite establecer un marco estable para colaborar, a través da Rede, na planificación e coordinación das actuacións de dinamización do uso da lingua galega no ámbito local”.
O orzamento previsto para as actividades a desenvolver ascende a 40.000 euros. A Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, aportará 35.000 euros e o Consello da Cultura Galega achegará 5.000 euros.
As accións contempladas neste acordo de colaboración deberán estar rematadas antes do 31 de novembro de 2011.


