----

As matemáticas en galego, “habelas, hainas”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela, organizan unha nova edición das xornadas de divulgación “Habelas, hainas”. No acto, sete investigadores e investigadoras mozas da Facultade presentarán en breves charlas de 20 minutos diferentes aspectos relacionados coa investigación matemática. A maiores, o director do SNL fará tamén unha intervención sobre a utilidade dos tradutores automáticos no eido das matemáticas. Todas as intervencións se realizarán en lingua galega, co ánimo de que os/as novos/as investigadores se acostumen a presentar os seus traballos neste idioma, demostrando que o galego tamén é válido para a transmisión de coñecementos científicos. O acto terá lugar o vindeiro 9 de novembro e as persoas interesadas en asistir teñen de prazo para tramitar a súa inscrición ata o 6 de novembro.