O faladoiro tivo lugar na tarde do xoves na sala Prat de la Riba, do Institut d´Estudis Cataláns, en Barcelona, presidido polos presidentes desta institución e do Consello da Cultura Galega, Salvador Giner e Ramón Villares, respectivamente, e contou coa asistencia dunhas setenta persoas.
Ademais dos titulares das institucións e do profesor Basilio Losada, interviron o escritor e académico Pere Gimferer, que falou das súas vivencias persoais co autor de “Merlín e familia” e chamou a atención sobre a importante dimensión literaria de Cuqnueiro “non tanto pola súa fantasía desbordante como pola súa paixón pola linguaxe”.
O xornalista e escritor Jordi Gracia estableceu unha comparación entre Cunqueiro e Josep Plá, e o profesor e escritor Fernando Valls detallou libros e proxectos anunciados no seu momento por Cunqueiro e que non chegaron a ver a luz.
O programa organizado polo Consello da Cultura Galega para conmemorar o centenario do nacemento de Cunqueiro inclúe, amais dun congreso e outras actividades, once faladoiros sobre a figura e a obra do escritor, dos que o de Barcelona fixo o número oito, logo dos celebrados en Madrid, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, Mondoñedo, Ortigueira e A Coruña. Os próximos están previstos en: Pontevedra (6 de outubro), Ferrol (3 de novembro) e Vigo (1 de decembro).

