----

19-S. Illa de San Simón: Roberto Varela e Ramón Villares inauguran o Foro “Galicia e as industrias culturais e creativas-Axenda 2020”, no que participan 50 especialistas

Cincuenta especialistas en industrias culturais e creativas procedentes de 6 países reuniranse do 19 ao 22 de setembro en San Simón, a Illa do Pensamento, con motivo da posta en marcha do proxecto INDCREA, una iniciativa promovida pola Consellería que Cultura e Turismo e o Consello da Cultura Galega (CCG) que bota a andar co foro de debate Galicia e as industrias culturais e creativas diante da Axenda 2020. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o presidente do CCG, Ramón Villares, desprazaranse o luns ás 12 horas ao enclave da ensenada da Ría de Vigo para inaugurar e participar neste encontro, organizado xunto ao CCG pola Fundación Illa de San Simón, a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e coa participación activa das tres universidades galegas.

O encontro proponse abrir novos espazos de reflexión e investigación sobre os escenarios de futuro das industrias culturais e creativas de Galicia como sector estratéxico cara a segunda década do século XXI, tendo en conta, ademais, o programa de converxencia dixital da Unión Europea. Deste xeito, tratarase de deseñar políticas culturais orientadas á xeración de riqueza, valor engadido e emprego.

No encontro participarán preto de medio centenar de investigadores, especialistas, expertos e empresarios dos distintos campos e áreas das industrias culturais e creativas de Galicia, do resto de Europa e de América. Entre eles atópanse catedráticos e profesores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, así como de institucións académicas e docentes de Iberoamérica e Europa (España, Portugal, Arxentina, Brasil, Chile e Ecuador). Tamén ofrecerán as súas visións profesionais vinculados aos sectores do audiovisual, a música, a edición, a arquitectura, a moda, a divulgación ou o xornalismo.

ESTRATEXIAS DE CRECEMENTO

Os debates, en sesións de mañá e tarde, centraranse nas estratexias de crecemento das industrias culturais e creativas como eixo central de cohesión social e no seu importante potencial de desenvolvemento para enfrontar os retos actuais da crise e a globalización desde a diversidade e a innovación.

As sesións de traballo abordarán o potencial do sector para valorizar as singularidades da nosa riqueza patrimonial, material, inmaterial e simbólica; a capacidade de emprendemento, innovación e desenvolvemento dos seus axentes activos; a busca de novos públicos para mellorar as ofertas e incrementar os mercados, o desenvolvemento de novos modelos de I+D+i ou a interacción entre as institucións e entidades relacionados coas industrias culturais e creativas.

As reflexións e os debates plantexaranse a nivel xeral para todo o sector das industrias culturais sen deixar de considerar os novos retos que impoñen a sociedade dixital e o multimedia. Atenderase aos casos concretos dos libros, os medios impresos, os museos ou as artes plásticas, así como ás novas formas de facer e escoitar a radio, o futuro dos clústeres do audiovisual, o valor do patrimonio e do urbanismo, a imaxe da industria da moda en Galicia, a transformación da industria musical ou a industria dos videoxogos, entre outras temáticas.

TV e TWITTER

O foro será retransmitido en streaming a través da canle San SimónTV, á que se pode acceder mediante a páxina web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org). Tamén se realizará un completo seguimento en Twitter mediante a conta @illasansimon e baixo a etiqueta #INDCREA.