----

O Consello da Cultura presentou o congreso “Mil e un Cunqueiros”, organizado coas tres universidades galegas como acto central do centenario en Compostela, A Coruña e Vigo

Nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e máis de trinta comunicacións contribuirán a facer do congreso “Mil e un Cunqueiros” un referente para a proxección futura do universal fabulador galego. Así o ven Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), organizador do magno encontro xunto coas tres universidades galegas, Dolores Vilavedra e Teresa López, da comisión organizadora, e Henrique Monteagudo, coordinador do programa “Ano Cunqueiro”, impulsado e realizado polo CCG para conmemorar o centenario do escritor (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). Os catro presentaron hoxe este “acto central do centenario cunqueiriano”, que comezará o 28 de setembro e itinerará durante catro días por Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

As sesións do congreso “Mil e un Cunqueiros” celebraránse no salón de actos do CCG (28 e 30 de setembro), no Paraninfo da Universidade da Coruña (29 de setembro) e no Auditorio Municipal de Vigo (1 de outubro). César Antonio Molina, . escritor e exministro de Cultura, abrirá o programa coa conferencia “As miñas lecturas de Cunqueiro” e o galaicista John Rutherford (Universidade de Oxford) clausuraráo disertando sobre “Álvaro Cunqueiro e a tradición literaria anglófona”. Entre eses dous fitos irán expoñéndose achegas á biografía e a peripecia do escritor, á súa relación determinante e ricaz cos medios de comunicación, ó seu particular diálogo coa cultura popular e ó seu compromiso como intelectual, entre outros epígrafes.

Dolores Vilavedra (Universidade de Santiago de Compostela), integrante da comisión organizadora xunto con Teresa López (Universidade da Coruña) e Manuel Forcadela (Universidade de Vigo), agarda que o congreso sirva para “entender mellor o papel de Cunqueiro como intelectual do seu tempo e para coñecer as lecturas da súa obra desde fóra e desde novos paradigmas teóricos”. Nese sentido, Ramón Villares, presidente do CCG, subliñou o feito de que dous dos conferenciantes, Fernando Valls e Jordi Gracia, procedan de Catalunya, da Universidade de Barcelona, “xa que a cultura catalana foi a primeira en recoñecer a Cunqueiro como escritor en 1934”. Espera asemade que as contribucións congresuais permitan “achegar ao escritor á xente nova máis polo seu alento literario que polas referencias situacionais da súa obra”.

Teresa López, que salientou a importante e exemplar cooperación entre o CCG e as trres universidades galegas para facer realidade o congreso, chamou a atención sobre o seu carácter aberto a todas as aportacións científicas e académicas.

Henrique Monteagudo, coordinador do programa “Ano Cunqueiro”, co que o CCG queixo conmemorar o centenario do autor de “Cantiga nova que se chama Riveira”, significou o carácter central do congreso “que ven culminar un conxunto de actividades divulgativas da biografía e da obra do escritor en forma concertos, exposicións, representacións teatrais ou faladoiros”. Faladoiros ou coloquios que pasaron por Madrid e Barcelona e por todas as cidades galegas para rematar o periplo en Pontevedra (6 de outubro), Ferrol (3 de novembro) e Vigo (1 de decembro).


Máis información e inscrición en:
http://www.consellodacultura.org/evento.php?id=229