----

20 anos promovendo o galego na comunicación comercial

O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan a vixésima edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa. O prazo para presentar candidaturas remata o 10 de decembro de 2019. No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.