Quince concellos participan na terceira edición de Toponimízate
28/11/2019
A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coordinan a terceira edición do programa Topinimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que ten como obxectivo preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego. No marco desta iniciativa, neste último trimestre de 2019 están a desenvolverse unha serie de charlas divulgativas en quince concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Nestas charlas, o técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, ofrece información sobre a orixe e o significado dos topónimos de cada concello. Os asistentes tamén poderán familiarizarse con ferramentas coma o "Buscador de topónimos", que permite localizar a microtoponimia recollida ata o momento, ou coa futura aplicación colaborativa “Galicia nomeada”, coa que a cidadanía poderá xeolocalizar aqueles microtopónimos que aínda non están recollidos.