Este libro-CD recolle o rico e singular patrimonio musical de Fraguas e a súa terra natal. Entre os materiais que se poden atopar nesta publicación hai un cancioneiro musical inédito de Antonio Fraguas; unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas conservada nos Arquivos de Cántigas da terra; as gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores internacionais ou galegos como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal. A obra conta cun estudo realizado polo musicólogo Xavier Groba e supón a primeira achega profunda á música de transmisión oral deste concello situado entre a vila de Pontevedra e a comarca de Terra de Montes. O libro conta ademais dos textos coas gravacións orixinais contidas no CD, abundantes transcricións musicais realizadas por José Luís do Pico e unha coidada selección fotográfica.



