O traballo, publicado polo Consello da Cultura Galega na súa colección “Documentos e Informes”, ofrece unha análise exhaustiva do deseño, organización e funcionamento da atención municipal aos asuntos culturais, inclúe datos de 273 dos 315 concellos galegos e xa advirte dos riscos derivados da diminución dos recursos dispoñibles. “A tardía institucionalización fai dos servizos culturais un dos máis febles da Administración pública e, en momentos de recesión económica como os actuais, moito máis sensible aos recortes orzamentarios e investidores”.
Nese escenario o director do informe, o profesor Xesús A. Lage Picos, -acompañado polos coautores do informe, Xosé Elías Trabada Crende e Mercedes Fernández Gestido- subliñou a necesidade de considerar a acción cultural “como investimento e non como gasto” e aludiu a alternativas como os servizos consorciados en materia cultural coa finalidade de manter accións importantes per se e tamén para “a economía, o turismo e a protección do patrimonio cultural”.
Pola súa parte, Carlos Fernández, Presidernte da FEGAMP, que se felicitou da colaboración co Consello da Cultura Galega, afirmou que as entidades locais “loitan por manter as actividades culturais” e advertiu contra a posibilidade de “recortes en clave ideolóxica” co pretexto da crise, desde a Administración Autonómica. Falamos de máis de cincocentas persoas vencelladas directamente á actividade cultural e de 1.871 infraestruturas culturais dispoñibles. Tamén de cinco mil entidades socioculturais activas.
Para Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, “hai espazo para un acordo conxunto que permita afrontar o reto da accións e as iniciativas culturais nun contexto distinto para impulsar actividades e aproveitar equipamentos e capital humano”.
O informe ofrece datos de 273 dos 315 concellos galegos -hai 308 concellos con menos de 50.000 habitantes, pero 35 non cumplimentaron as enquisas dos investigadores- e continúa unha liña de investigación iniciada polo desaparecido Xan Bouzada co estudo “As políticas culturais nas sete principais cidades galegas”, ao que se sumou o informe “Situación e perspectivas sociolaborais dos técnicos de cultura dos concellos galegos”. O Consello da Cultura Galega, afirmou Ramón Villares, continúa así ofrecendo novas sistematizaciòns de datos e análises que permitan aos poderes públicos implementar unha mellor planificación cultural.


