O 16 de maio terá lugar en Ferrol o habitual Concerto das Letras Galegas. Un concerto conmemorativo, antesala das actividades organizadas pola Real Academia Galega, no que se estreará unha composición musical sobre un texto de Ricardo Carballo Calero. Ademais, no marco da colección Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega editará a súa obra de teatro “A farsa das zocas”. Trátase dunha edición facsimilar numerada, cun estudo introdutorio de Carlos Caetano Vizcaíno Fernández, que servirá para afondar e difundir esta peza publicada no primeiro número da revista “Grial” en 1963.
Entre os produtos web nos que o Consello da Cultura Galega está a traballar, destaca un roteiro virtual polos diferentes lugares e puntos de interese arredor da biografía de Carballo Calero e que propón un itinerario por Ferrol, Santiago e Lugo. O Proxecto Epístola enriquecerase coa difusión das cartas que intercambiaron Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, cuxos orixinais gardaba a Fundación Otero Pedrayo. Ademais, haberá un site que concentrará biografías, materiais sonoros, fotografías e toda a información producida ou custodiada arredor da figura de Carballo Calero promovida polo CCG.


