----

Premio para os mellores vídeos en galego sobre o cambio climático

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística desta universidade, organiza o concurso de vídeos “Cambio climático e Nós”, vinculando a promoción do uso do galego co compromiso adquirido pola USC coa Axenda 2030. O certame inclúe dúas categorías, unha dirixida ao alumnado da ESO, bacharelato e FP e outra na que poden participar os membros das comunidades universitarias das tres universidades galegas. Os participantes deben enviar un vídeo en galego, dun máximo de 2 minutos de duración, sobre o cambio climático. O prazo de presentación dos traballos remata o 24 de abril de 2020. Outorgaranse dous premios por cada categoría, un primeiro premio de 500 euros e un segundo de 250 euros.