----

Comezan os obradoiros de improvisación oral “Enreguéifate”

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo organizan conxuntamente a nova edición do proxecto Enreguéifate, que ten como obxectivo impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega. No marco desta iniciativa, ao longo dos meses de marzo e abril de 2020 desenvolveranse unha serie de obradoiros de improvisación oral dirixidos ao alumnado dos centros de ensino dos concellos promotores (5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO). Os centros educativos interesados en participar nestes obradoiros deben dirixirse ao SNL do seu respectivo concello. A finalidade destas accións formativas é que o alumnado, ademais de aprender os métodos da improvisación oral, se anime a participar no certame Enreguéifate, que inclúe unha categoría específica para o ámbito escolar.