----

A conservación e transmisión do Patrimonio Cultural Galego require “rigor, conciencia crítica e pragmatismo”

A conservación e a transmisión do patrimonio cultural esixe actuar con rigor, conciencia ctrítica sobre a importancia do legado e algo de pragmatismo para diferenciar o que debe ou non ser conservado. A transversalidade da conservación do patrimonio foi un dos fíos conductores das Xornadas sobre “Situación actual do Patrimonio Cultural en Galicia”, iniciadas hoxe no Consello da Cultura Galega, organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, e ás que asisten cincuenta expertos. Os traballos foron inaugurados cun acto presidido polo presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e no que interviron Iago Seara, coordinador da Sección e das Xornadas, Antonio Díaz, en representación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e Carlos Varela, Fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os traballos continuarán hoxe, tamén en sesións de mañán e tarde, con especial atención á lexislación sobre a protección do Patrimonio Cultural Galego.

O representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Antonio Díaz, e o Fiscal do Tribunal Supeiror de Xustiza de Galicia salientaron a importancia e a oportunidade das Xornadas, que para Ramón Villares supoñen “unha pertinente chamada á reflexión sobre un asunto transversal no que pasamos de ter pouca conciencia á idea de que case todo é patrimonio, feito que explica a necesidade dun certo pragmatismo”. Por parte da Fiscalía trátase de “previr para preservar, aplicando o dereito en acción sobre bens difusos como o medio ambiente, o urbanismo e o patrimonio histórico”. Pola súa parte Iago Seara, coordinador das Xornadas xunto con María García Alén, advertiu que o patrimonio “require unha continuada reflexión teórica e crítica para levar adiante o proceso de divulgación e a súa conservación crítica para poder ser legado”. Lembrou asemade que o obxectivo destas sesións é “tratar de determinar que niveis de autenticidade se dan no traballo de conservación e protección do Patrimonio na Galicia actual”.

Nas sesións da mañán de hoxe falaron tres profesores da Universidade de Santiago de Compostela. Marcial Gondar (Patrimonio para que? Bens culturais e cambio social na Galicia de hoxe) referiuse á necesidade de contextualizar axeitadamente os recursos patrimoniais nun mundo marcado pola fragmentación. Pegerto Saavedra (Historia e patrimonio) reclamou unha maior atención e coñecemento, e respecto, do pasado histórico. Alfredo Vigo Trasancos (Historia, lugar e identidade. Unha reflexión sobre o patrimonio artístico) aludiu ao patrimonio artístico como imaxe da nosa historia e esixiu critrerios e comportamentos coherentes á hora de actuar, transformar e preservar. Neasa liña criticou o que considerou “falta de criterio na recente rehabilitación dalgunhas vidreiras da catedral de Santiago de Compostela”.

Pola tarde interviron Concha Varela Orol, da Universidade da Coruña, (Museos, arquivos e bibliotecas, patrimonio común) e Manuel Vilar Álvarez, do Instituto de Estudo das Identidades-Museo do Pobo Galego, (Patrimonio antropolóxico e memoria cultural). A primeira reclamou unha revisión da lexislación cara unha definición máis exhaustiva do patrimonio das institucións da memoria, o impulso de políticas transversais e a potenciación do Portal do Patrimonio actualmente existente.
Manuel Vilar Álvarez propuxo, entre outras achegas, a creación do Museo Etnográfico Virtual de Galicia, unha gran base de datos que unifique o acceso en liña aos bens recollidos en museos e coleccións.

MÉRCORES 26

Mañá mércores 26, a partir das 10 horas, chegarán os relatorios de: Cristina Sánchez Carretero, do Consello Superior de Investigacións Científicas, (Cara a un patrimonio público galego: vinte apuntamentos); Carlos Nárdiz, da Universidade da Coruña, (As infraestruturas no territorio histórico cultural: estrutura e vertebración da paisaxe de Galicia); Xan Carmona, da Universidade de Santiago de Compostela, (Sobre o patrimonio industrial de Galicia: notas para un debate), María García Alén (A lexislación actual en materia de protección do Patrimonio Cultural Galego) e Iago Seara (A intervención no Patrimonio Cultural construído: o Plan Director e a conservación crítica).