<img src="http://consellodacultura.org/files/2010/07/fotoxraweb.jpg" alt="" />
<em><div id="pedefoto">De esquerda a dereita, Antón Santamarina (ILG), Francisco Díaz Fierros (vicepresidente CCG), José María Díaz Fernández (deán da catedral), Xosé M. Sánchez Sánchez (historiador) e Francisco Rodríguez Iglesias (Hércules de Ediciones). Foto: CCG.</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2010.</em>- Un fermoso tomo de 134 páxinas magníficamente ilustrado, resultado dunha iniciativa interdisciplinar do Consello da Cultura Galega, editado por Hércules de Ediciones. O libro O BOTAFUMEIRO. ESTUDOS E EVOCACIÓNS foi presentado así hoxe na Sala Capitular da Catedral de Santiago. O popular botafumeiro non foi o primeiro incensario vencellado ao feito xacobeo, segundo consta nunha miniatura do Tumbo A (s. XII), pero si é o primeiro que figura nunha anotación marxinal do Liber Sancti Jacobi, descrito como “magno turibulo argenteo” (s. XIV-XV), conservados no arquivo catedralicio. Destacárono Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do CCG e coordinador da edición, Francisco Rodríguez Iglesias, presidente de Hércules, e José María Díaz Fernández, Deán da Catedral compostelana.
<!--more-->
O libro é un detallado estudo da historia, a etimoloxía e a singular física do botafumeiro, unha completa descrición do “rei dos incensarios ”. Os estudos históricos foron realizados por José María Díaz Fernández e Xosé M. Sánchez Sánchez. Do filolóxico ocupouse Antón Santamarina (Instituto da Lingua Galega) e dos referidos á física, Juan Ramón Sanmartín (Universidade Politécnica de Madrid). O libro leva tamén textos introductorios asinados por Francisco Díaz-Fierros e Paolo Caucci von Saucken, Presidente da Comisión Internacional de Expertos no Camiño de Santiago.
A obra complétase con trece evocacións literarias de, entre outros, Gonzalo Torrente Ballester, Camilo José Cela, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas ou Francisco Fernández del Riego. As fotografías son de José Manuel Salgado.
Ademais da longa historia do botafumeiro, das súas funcións litúrxicas e do seu simbolismo relixioso e xacobeo, da etimoloxía que o rodea, o libro apunta que o movemento do “rei dos incensarios, que data do século XIII, “é un particular exemplo do péndulo como paradigma en Física” e subliña que a concepción dese paradigma físico desenvolveuse no século XVII. Indícase tamén que o rito do botafumeiro non tivo difusión noutras catedrais e só se puido dar na de Compostela, románica, e despois do cambio da arquitectura deste tipo de monumentos.
En todo caso no s. XIV-XV unha anotación á marxe no Liber Sancti Jacobi precisa: “Agora engalánase cun grande incensario de prata, que discurre suspendido na parte superior do templo por cordas, desde o portal norte ao sur, cheo de carbóns acesos e portando incienso a un lado e outro da parte superior da basílica”. É o “magno turibulo argenteo”, que agora coñecemos como “botafumeiro”.
Do libro imprimíronse cincocentos exemplares en galego e mil cincocentos en castelán.

