----

O Consello da Cultura Galega homenaxeará ao pontevedrés Manuel Quiroga Losada, figura mundial do violín e profeta na súa terra

O Consello da Cultura Galega organizou dous concertos en homenaxe ao gran violinista galego de proxección internacional Manuel Quiroga Losada (Pontevedra, 1892-1961). Xunto co ciclo conmemorativo dos cincuenta anos do pasamento do xenial músico a Sección de Música e Artes Escénicas, que coordina Maximino Zumalave, presentou tamén o web “Vento que zoa” (www.consellodacultura.org/ventoquezoa/) un espazo para difundir en Internet as creacións dos compositores galegos. O Presidente do CCG, Ramón Villares, subliñou a importancia do legado de Manuel Quiroga, “unha figura da contemporaneidade cultural galega, coetáneo da Xeración Nós, de Ramón Cabanillas e de Manuel Antonio”.

Os concertos celebraranse os días 8 e 9 de novembro ás 19 horas no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega. O primeiro “A pegada de París”, con Pedro Rodríguez (violín) e Miguel Ángel Gómez González-Vallés (piano). Presentará Enrique Jiménez.

O segundo “Manuel Quiroga: Composicións propias e dedicadas á súa figura”, con José Manuel Álvarez Losada (violín) e Andreu Riera Gomila (piano). Presentará Luís Costa.

Manuel Quiroga Losada gañou en 1911, contaba 19 anos, o primeiro premio de violín do Conservatorio de París -galardón que antes só conseguira Pablo Sarasate- e iniciou unha carreira que o levou por España, Francia, Estados Unidos e outros países. En Galicia foi obxecto de afervoado recoñecemento por parte das Irmandades da Fala, de Castelao ou Valle Inclán.

A Sección de Música e Artes Escénicas subliñou a extraordinaria importancia desta figura universal da música ao tempo que presentaba o web “Vento que zoa”, un espazo “para difundir a través de Internet as creacións dos compositores galegos”, como explicou Sergio Sieiro, membro da Sección.

O web “Vento que zoa”, www.consellodaucltura.org/ventoquezoa/, comeza por achegarnos a Marcial del Adalid, Andrés Gaos, Manuel Quiroga, Rogelio Groba, Octavio Vázquez e Fernando Buíde. Pretende dar a coñecer entre os novos públicos o traballo dos músicos e os compositores galegos, como apuntou Maximino Zumalave.

Pola súa parte, Ramón Villares, presidente do CCG, lembrou que “Vento que zoa” é un novo web temático coa que a institución “continúa a ofrecer recursos para o acceso do público aos bens culturais”.

Os interesados en asistir aos concertos mencionados deberán confirmar a asistencia a través do correo electrónico difusion@consellodacultura.org ou telefoneando ao número 981-957209.