As obrigadas reducións orzamentarias “afectan indubidablemente á velocidade de cruceiro do Consello da Cultura Galega con importantes recortes nos gastos correntes”. Unha realidade que non impediu o mantemento da actividade institucional e de asesoramento dos poderes públicos en materia cultural, a eficiencia na xestión ou, por exemplo, o contributo ao equipamento da Cidade da Cultura.
Destacou Ramón Villares algunhas das actividades realizadas ao longo deste ano e entre elas os ditames (sobre Patrimonio), informes do Observatorio da Cultura Galega (enquisa sobre actitudes lingüísticas e incorporación á Rede de datos estatísticos) e os informes institucionais sobre o Panteón de Galicia, as Fundacións de Interese Cultural ou a Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega. Aludiu ao programa de actividades do Ano Cunqueiro e a iniciativas no campo da acción exterior, particularmente no mundo lusófono, en Brasil, sen esquecer as publicacións ou a colaboración con organismos e institucións públicas e privadas á hora de acometer a realización de diferentes actividades, xornadas, exposicións ou publicacións. Nese sentido subliñou tamén o mantemento e a expansión do portal www.culturagalega.org con novas innovacións e servizos, complementados en www.consellodacultura.org
Ramón Villares falou do Consello da Cultura Galega como “espazo de encontro e proxección exterior da Cultura Galega, de preservación dos valores culturais do pobo galego, de debate e factoría de ideas, alta asesoría e avaliación de políticas culturais”.
Sobre o programa previsto para 2012 mencionou a atención á figura e á obra de Valentín Paz Andrade, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas, e a Celso Emilio Ferreiro, así como a elaboración de informes e ditames sobre o Patrimonio Cultrural e a difusión na Rede de contidos dos Arquivos, textos, documentos e epistolarios.
En definitiva, austeridade e rigor na execución, novos campos de acción na Rede e no exterior, planificación acrecentada e maior colaboración institucional, tendo sempre presente a consideraciòn da cultura como sector estratéxico e a necesidade de “xerarquizar, distinguir e discriminar”, evitando a aplicación dunha certa “tarifa plana”, que prexudicaría gravemente o sector da cultura.
ACOLLIDA POSITIVA
Os voceiros dos grupos parlamentares agradeceron a exposición de Ramón Villares e o traballo desenvolvido polo Consello da Cultura Galega.
Ana Pontón (BNG) considerou moi negativamente o feito de que “se está a converter ao sector cultural no pagano da crise” e reclamou máis apoio institucional, logo de criticar o labor da Xunta de Galicia en realción coa cultura ou coa normalización lingüística. Gabou o esforzo do Consello da Cultura “por se adaptar a un marco que lle vén definido”.
Concepción Burgo (PSdeG-PSOE) rexeitou o continuado descenso orzamentario que vén padecendo o Consello da Cultura e salientou a importancia do sector para contribuir á superación da crise económica. Referiuse tamén á necesidade de superar “a sensación de desprotección dos sectores culturais”.
Agustín Baamonde (PP) afirmou que os recortes orzamentarios non obedecen a un capricho e son consecuencia “do realismo imposto pola crise”. Interesouse, ademais, pola proxección exterior da cultura galega e por novas formas de xestión e cooperación como o mecenado, tendo en conta “a importancia da cultura como activo estratéxico fundamental”.


