Xulia Feixoo, etnomusicóloga, historiadora da música e percusionista, adica a súa carreira profesional á investigación, compilación e divulgación das músicas de tradición oral de Galicia, é membro do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG, e participou como relatora na xornada Mercedes Goicoa. Músicas, para vivir, realizada en 2018. A súa navegación lévanos pola vida de Mercedes Goicoa, para redescubrir a súa longuísima e rica traxectoria, facernos partícipes da súa enerxía e vitalidade, proxectada na súa dilatada experiencia e enriquecida, neste percorrido, na relación que traza coas artes visuais das novas creadoras, a fotografía de Anna Turbau, a literatura de Rosalía de Castro ou a música de Andrés Gaos. Mercedes Goicoa, figura imprescindible na historia da música galega.


