----

Referentes da cultura, a cociña e o deporte explican a súa aposta polo galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra inaugurou o pasado venres, 10 de xullo de 2020, o programa de dinamización lingüística En3vistas, un ciclo de entrevistas a dez referentes das artes escénicas, a música, o xornalismo, a gastronomía ou o deporte, para demostrar como o uso do galego pode ir ligado a traxectorias profesionais de éxito. A longo deste mes de xullo terán lugar en diferentes espazos públicos da cidade de Pontevedra estes encontros con María Mera, Gena Baamonde, Javier Olleros, Kin Martínez, Sabela Ramil, Patricia Hermida, Adrián Ben, Diego Espiño, Cora Velasco e Marcelo DoBode. As entrevistas poderán seguirse en directo a través das redes sociais e as gravacións quedarán accesibles nas canles do concello. Podes ampliar esta información premendo aquí.