O Consello da Cultura Galega concluiu a segunda fase dos "Foros de Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega" e anuncia unha terceira para o outono

<img src="http://consellodacultura.org/files/2010/07/freixanes-ventos-villares-web.jpg" alt="" />

<em><div id="pedefoto">Víctor Freixanes, Xavier Rubert de Ventós e Ramón Villares, nun momento do foro que se celebrou na Biblioteca do CCG</div></em>

<em>Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2010.</em>- Un longo debate sobre os “Contidos da cultura“, marcou o final dos catro foros presenciais do ciclo “Reflexión estratéxica sobre a cultura galega”, organizados polo Consello da Cultura Galega. Contou cun relatorio-marco de Xavier Rubert de Ventós, filósofo, ensaísta e catedrático de Estética e Composición da Universidade Politécnica de Barcelona. A cultura galega como marca, a identidade galega como activo e as oportunidades da acción e a proxección exterior no escenario da mundialización foron algúns referentes das reflexións coordinadas por Victor Freixanes e Henrique Monteagudo. O documento final será obxecto de debate, en rede, en setembro e un foro final terá lugar na segunda quincena de outubro.


<!--more-->

Xavier Rubert de Ventós aludiu ao que considerou “un discurso cada vez máis esencialista por parte dos Estados” e afirmou que un país é verdadeiramente grande “cando poden convivir nel indivíduos con identidades distintas e non xerárquicamente ordenadas”. O seu relatorio deu paso a un vivo debate, en sesións de mañá e tarde, no que se plantexaron dúbidas e incertezas sobre os camiños a seguir, tendo en conta a importancia da identidade cultural galega como patrimonio e memoria e a necesidade de potenciar tan valioso activo.

Falouse particularmente da necesidade de pensar a identidade en clave de estratexia e da cultura galega como plataforma de oportunidades. Aludiuse tamén á importancia de construir relatos propios e dispoñer dunha industria cultural para difundilos, logo de salientar a importancia da cultura na configuración histórica de Galicia.
Na xornada interviron, entre outros, María Pereira, Marcial Gondar, Inma López Silva, Carlos Fernández, Manuel Pérez Rúa, Miguel Barros, Helena González, Francisco Díaz Fierros, Juan Creus, Luz Corral, María López Sande, Juan Fernando de la Iglesia, Xaime Subiela, Benigno Amor, Fina Casal, Xosé Manuel Pereiro, Luís Bará, Marcos Lorenzo e o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que agradeceu a presenza e a activa participación de todos os convocados.

O DEBATE CONTINÚA

Os catro Foros (políticas culturais, institucións culturais, cultura e mercado e contidos da cultura, celebrados en xuño e xullo) supuxeron a segunda fase dun proceso aberto, plural e participativo, iniciado en xaneiro con propostas e consultas a diferentes representantes do sector cultural, convocados desde o CCG na procura de suxestións arredor de estratexias de futuro da cultura galega. O grupo de traballo, dirixido por Xosé López García e con Xaime Subiela como coordinador técnico, remitiu un cuestionario a trescentas persoas representativas do sector cultural e da sociedade.

As respostas recibidas permitiron ordenar os materiais de traballo dos foros, que, á súa vez, permitirán agora a elaboración dun documento final, que se abrirá ao debate, a través dos soportes do CCG na Rede, no mes de setembro, e será remitido tamén ás institucións públicas, culturais e sociais. Para a segunda quincena do mes de outubro está prevista a celebración dun Foro final.