<em>Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2010.- </em>O Presidente do Consello da Cultura Galega defendeu hoxe a necesidade da reforma do marco normativo dos medios de comunicación públicos de Galicia. Ramón Villares compareceu no Parlamento a petición da Comisión encargada de estudiar esa reforma e subliñou a oportunidade de reforzar o papel da Compañía de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) como servizo público, factor decisivo na normalización de lingua e da cultura galegas, configurador dun espazo galego de comunicación, motor do audiovisual e creador dunha imaxe propia de Galicia. Defendeu asemade a súa desgobernamentalización da CRTVG e a elección do seu responsable por maioría parlamentaria suficiente e por un mandato amplo (vexa o texto <a href="http://consellodacultura.org/files/2010/07/Comparecencia_villares.pdf">nesta ligazón</a>). Os tres grupos parlamentarios acolleron positivamente a exposición do Presidente do CCG, a primeira da rolda de comparecencias fixadas pola Comisión, que preside Agustín Baamonde (PP).
<!--more-->
Para o Consello da Cultura Galega os medios de comunicación de titularidade pública deben reforzar os cometidos citados, desde o seu carácter de servizo público, e “ser peza angular na configuración dun espazo galego de comunicación para que, empregando a nosa lingua, difundamos a nosa cultura e deste xeito estemos no mundo con mensaxes propias. Isto implica, neste momento de grandes cambios no mundo da comunicación, adaptar a prestación do servizo público ás mudanzas tecnolóxicas e, por tanto, a estar nos novos ámbitos en rede con proxectos innovadores”.
Ramón Villares aludiu á da necesidade de reformar o actual modelo dacordo cos novos escenarios da comunicación e os cambios tecnolóxicos e as transformacións sociais dos últimos decenios. “O modelo actual, e aí están os exemplos de RTVE ou as Directivas da Unión Europea, necesita urxente aggiornamento ou posta ao día e debe conceder tamén un maior protagonismo á participación cidadán”.
Explicou que o novo modelo da CRTVG “debe contribuir á articulación dese espazo cultural e comunicativo propio en Galicia co obxectivo de conformar unha opinión pública autorreferencial e de vertebración da identidade colectiva”. Un obxectivo que implica que a nova TVG e a nova Radio Galega deben constituirse nos referentes audiovisuais nos ámbitos da lingua, a cultura, a opinión pública e, en xeral, o espazo público. “É dicir, que Galicia esté no mundo con voz propia na súa lingua e no marco da súa cultura e con vocación de fomentar a convivencia cultural e unha visión aberta ao mundo, obxectivo que propugnou toda a tradición cultural galega desde os tempos do romantismo, pero na que sobranceou a xeneración Nós”. Ao respecto lembrou a frase de don Vicente Risco “ser diferente é ser existente”. “Para ter un perfil propio, nos tempos que corren, é preciso construir un relato de nós, antes de que nolo constrúan os demais”, afirmou.
O Presidente do Consello da Cultura Galega ofreceu a colaboración desta institución e puxo a disposición da Comisión e do Parlamento as publicacións e os informes sobre o sector da comunicación elaborados pola institución desde a súa creación en 1983. “Desde a reflexión sobre o sector da comunicación ao papel das industrias culturais e o desenvolvemento da dixitalización aplicada aos novos soportes da información, pode o CCG colaborar activamente neste proceso e en todo o referido á Cultura e os Medios de Comunicación públicos”. Citou expresamente o documento “Tres décadas de televisión en Galicia”, elaborado en 2004 e de libre consulta no arquivo dixital do CCG.
OS GRUPOS PARLAMENTARIOS COINCIDIRON
Os tres grupos parlamentarios acolleron positivamente a exposición. Anxo Quintana (BNG) enfatizou o emprego do galego nos medios públicos, na liña defendida por Ramón Villares.
Xaquín Fernández Leiceaga (PS de G-PSOE)defendeu o carácter de servizo público, a desgobernamentalización e a función normalizadora dos medios públicos e salientou a necesidade de compatibilizar calidade e rendibilidade.
Pedro Puy (PP) concordou cos argumentos empregados polo comparecente e defendeu “un modelo organizativo independente e profesional adaptado aos novos escenarios da comunicación”.
O Presidente do CCG, no seu turno de resposta, lembrou que a Cultura “é un dos grandes valores de Galicia e os recursos a ela destinados deben ser considerados investimento e non gasto”. Falou tamén da necesidade dun control parlamentario e independente da xestión dos medios públicos. Por último, agradeceu a oportunidade ofrecida pola Comisión e a actitude positiva da Presidencia e dos tres Grupos Parlamentarios. Rematou reiterando a disposición do CCG a colaborar en todo o que a Comisión e o Parlamento dispoñan.

