Encomiable é que os particulares e as institucións mostren esta sensibilidade e este sentir histórico e que se anticipen a rexistrar as palabras -en moitos casos se convirten en acontecementos- que axudan a reconstruir e entender o noso país e a nosa cultura. Salientable é a xenerosidade das compañías discográficas que ven no noso proxecto a futura Fonoteca de Conservación de Galicia.
O Arquivo Sonoro de Galicia congratúlase desta feliz iniciativa e fai unha chamada xeral a calquera grupo, particular, institución que desexe contribuír a este labor de recuperación -e mesmo de creación- do patrimonio sonoro galego.
As condicións de cesión acomódanse ás pretensións do doador (material de consulta restrinxida, material de acceso libre,…). Hai que destacar que sempre se dá un proceso de dixitalización que permite unha conservación axeitada e un mellor almacenamento das gravacións e unha catalogación posterior para a súa consulta.


