Era unha data especial. Este 30 de outubro Ricardo Carballo Calero, homenaxeado nesta atípica celebración do Día das Letras Galegas, cumpriría 110 anos. Este día a súa localidade natal debía acoller un concerto que servirse de preludio da sesión plenaria da Real Academia Galega. Era o segundo intento despois de que o a pandemia provocada pola crise da COVID obrigase a adiar os festexos con respecto á data prevista. Dolores Vilavedra, a secretaria do Consello da Cultura Galega explicou ao inicio do concerto que “a decisión de traer a Santiago, cidade en que Carballo traballou, viviu e morreu, pretende ser responsable e solidaria e que, ao tempo, amosa a firme vontade da institución por manter viva a cultura, aínda que nesta ocasión teña que ser a través das pantallas”. Na súa intervención apelou a “refuxiarnos no esencial, no profundo, no verdadeiramente importante para sobrevivir na beleza ante a incomprensible dureza destas tempos avoltos que nos tocou vivir”.
O programa
O programa desta edición estivo moi en consonancia coa figura homenaxeada e co seu lugar de procedencia. Comezou coa composición de Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980) “Inger mi calices”. Despois soou a peza do finado compositor ferrolán Xan Viaño “Músicas nocturnas”. Superado o ecuador do concerto, soaron os versos de Rosalía de Castro en “Ódiote”, con composición de César Morán (e arranxos de Alfonso Morán).
O momento álxido do concerto foi a estrea absoluta da composición que Nani García fixo do poema de Carballo Calero titulado “Danza” e que está incluído na publicación de 1950 “Anjo de terra”. Respondía á habitual encarga que o Consello da Cultura Galega fai cada ano neste concerto e que Nani García acolleu con grande entusiasmo. “Quería facer unha peza máis grande e que a voz aparecese como un instrumento máis, tivese unha interacción e se incorporase tamén como unha lixeira ruptura” asegura o compositor. É a soprano Esperanza Mara a encargada de ser esa voz. Con esta composición, Nani García quixo transmitir musicalmente “que a natureza non vai parar de xirar arredor de nós e, onde por moito que faga a man do home, sempre pesa máis a natureza”. A estrea contou tamén, nun claro aceno ao título do poema, coa intervención coreográfica a cargo da bailarina Janet Novás.
O concerto correu a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo, dirixido por Diego García Rodríguez. Unha entidade que se caracteriza por reivindicar, dunha banda, a proximidade que a música contemporánea pode ter para calquera tipo de público e, da outra, a posibilidade de facer concertos introducindo novos elementos.
Unha década de concertos
O Consello da Cultura Galega acordou en 2011 programar un concerto institucional para contribuír a reforzar a dimensión festiva e conmemorativa do Día das Letras Galegas. O daquela presidente, Ramón Villares, e Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas e director musical de moitas das súas edicións, puxeron a andar este proxecto que se foi consolidando co tempo.
A primeira das citas celebrouse en Santiago de Compostela e homenaxeaba a Lois Pereiro. O concertou volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra tiveron lugar tres edicións para recuperar as figuras de Valentín Paz-Andrade (2013), Filgueira Valverde (2015) e María Victoria Moreno (2018). O concerto estivo tamén en Lugo lembrando a Díaz Castro (2014), na Coruña coa figura de Manuel María (2016) e en Ourense no ano de Carlos Casares (que tivo unha segunda edición en Santiago). Cada edición contou coa estrea dunha composición musical sobre unha peza escrita pola figura homenaxeada, o que permitiu que este proxecto xerase un pequeno corpus musical sobre poemas da literatura galega. A décima edición desta cita, que estaba previsto que se desenvolvese en Ferrol, aposta pola innovación musical do Taller Atlántico Contemporáneo.


