----

O sector cultural deber ser factor relevante para a economía e os públicos deben asumir máis protagonismo, segundo o Foro "Cultura e mercado".

<img src="http://consellodacultura.org/files/2010/06/cultura-e-mercado-para-web.jpg" alt="" />
<em><div id="pedefoto">O acto desenvolveuse na Biblioteca do Consello da Cultura Galega</em></div>

<em>Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2010.</em>- O sector cultural debe ser  considerado como un factor relevante para a economía produtiva e os públicos deben ser os protagonistas do impulso das industrias culturais. Son conclusións do Foro “Cultura e mercado”, terceiro dos cinco “Foros de reflexión estratéxica sobre a cultura galega”, organizados polo Consello da Cultura Galega. Coordinado por Francisco Campos (Universidade de Santiago), o Foro contou cos relatorios de Victoria Ateca (Universidade do País Vasco) e Pau Rausell (Universidade de Valencia). Os debates prolongáronse en quendas de mañá e tarde. O programa dos Foros continuará o vindeiro 8 de xullo coa sesión sobre “Contidos da Cultura”.


<!--more-->

Victoria Ateca aludiu á importancia do estudio do impacto económico da cultura e ás dificultades para a necesaria armonización dos criterios a aplicar. Falou do impacto da innovación tecnolóxica e os cambios que conleva: a cada vez maior interacción, a conectividade e a converxencia, derivada das alternativas aos modos tradicionais de consumo. Aludiu á centralidade da experiencia cultural, marcada pola ampliación das audiencias,a profundización dos compromisos e a diversificaciòn en novos públicos. “Pasamos dos procesos orientados ao produto a outros que teñen especialmente en conta aos participantes-consumidores cos seus hábitos modificados a causa do impacto da aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación e da implantación da sociedade do coñecemento, na que xogan un papel determinante os contidos culturais”. Citou o Libro Verde das Industrias Culturais, da Unión Europea, para lembrar a existencia “dun gran potencial sen explotar nas industriais culturais e creativas para crear coñecemento e emprego e estimular a innovación”.

DEMOCRATIZACIÓN DA CREACIÓN

Pau Rausell referiuse á necesidade de cambiar as políticas culturais para facelas máis eficaces e eficientes e describiu o sector cultural como emerxente, de amplo espectro e altamente produtivo, pero intensamente afectado polastransformaciónstecnolóxicas “Esa circunstancia  converte en volátiles os entornos e multiplica a competitividade e os competidores, o que obriga a ter moi en conta o que levan a cabo os demais”. Nise entorno outro dos condicionantes deriva do feito da caída dos costes de creación, produción e fabricación cultural, en directa relación coa dixitalización e con Internet, orixe dunha democratización da creación cultural. Aparecen entón os ecosistemas culturais mediadores, que representan novas oportunidades para os espazos periféricos. “A partir da dixitalización xorden novas combinacións, novos produtos culturais, novas especialización no ámbito da creación cultural e mesmo no comportamentos dos consumidores”.

OPORTUNIDADES

No documento elaborado con anterioridade sobre as industrias culturais en Galicia, logo das respostas a unha enquisa previa, aparecen seis oportunidades a considerar. Están relacionadas coa multiplicaciòn das posibilidades de produción e aceso á cultura da man da sociedade da información e das TIC como potencialidade para prolmocionar a produción cultural galega e os cmaibos nas formas de consumo cultural. Aluden asemade á conciencia do peso económico da cultura e do seu valor para o desenvolvemento e Á nova centralidade da cultura como fornecedora de contidos na sociedade do coñecemento. Falan por último da fusión das caixas de aforro “como oportunidade para aproveitar mellor o seu valor no sistema cultural e na sociedade galega”.

ESPAZO PARTICIPATIVO

Estes Foros son a segunda fase dun proceso aberto, plural e participativo, iniciado en xaneiro con propostas e consultas a diferentes representantes do sector cultural, convocados desde o CCG na procura de suxestións arredor de estratexias de futuro da cultura galega. O grupo de traballo, dirixido por Xosé López García e con Xaime Subiela como coordinador técnico, remitiu un cuestionario a trescentas persoas representativas do sector cultural e da sociedade. As respostas recibidas permitiron compoñer os materiais de traballo para esta fase (xuño-xullo) con cinco foros de reflexión, dos que deberán sair propostas, que se abrirán ao debate, a través dos soportes do CCG na Rede, no mes de setembro. Co conxunto das achegas o equipo coordinador elaborará, en outubro, un documento de integración coas orientacións estratéxicas para o futuro da cultura galega, que serán remitidas ás institucións públicas, culturais e sociais.

No programa figuran outros dous Foros: os de “Contidos da cultura” (8 de xullo) e un debate, en rede, sobre “Proxección exterior”.