Román Fernández-Baca Casares foi director xeral de Belas Artes e do Instituto Andaluz de Patrimonio Histórico e na actualidade é alcaide do Alcázar de Sevilla. A súa experiencia arredor da xestión integral do patrimonio cultural abre o foro no que se presentarán as primeiras conclusións relativas á conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural galego. Serán Carlos Nárdiz e Iago Sara, coordinadores desta mesa, os que presenten os resultados de ano e meido de traballo. De seguido terá lugar o debate, aberto ao público.a través da rede, que comeza coa pregunta “Que xestión patrimonial facemos?”.
O martes terá lugar a presentación das conclusións da Mesa 1 do Foro que analiza as políticas públicas e a normativa legal. Serán presentadas por Teresa Nieto e Cristina Sánchez-Carretero. Ese día tamén participa o catedrático de Historia da Arte, Universidad de Granada, José Castillo Ruiz, que ofrece un relatorio titulado “O patrimonio agrario: a construción cultural do territorio a través da actividade agraria”.
O Foro conclúe o mércores coa presentación das conclusións da Mesa 3, que se titula “Patrimonio, educación, formación e cidadanía”. A sesión do último día comeza cunha conferencia marco de Olaia Fontal Merillas, a cargo do Plan Nacional de Educación y Patrimonio (PNEyP) e do Observatorio Nacional de Educación y Patrimonio, sobre a dimensión educativa como vector estratéxico na xestión do patrimonio cultural.
Un foro pioneiro
Esta cita é a punta do iceberg dun formato de traballo pioneiro, que se artellou en tres mesas de debate e que viu alterado o seu calendario por mor da pandemia. Deuse a coñecer o Día do Patrimonio de 2019, coa intención de presentar o documento final no Día do Patrimonio de 2020. Reorganizado no calendario por mor da situación sanitaria, respectouse a estrutura de cada mesa de debate.
Os participantes de cada unha das mesas abrangueron os diferentes tipo de entidades e institucións ou colectivos relacionados co patrimonio, é dicir, universidades, academias, administracións, asociacións culturais, industrias culturais, profesionais liberais...
Ademais, estaba organizado de tal xeito que nel teñen cabida todos os aspectos que están, directa ou indirectamente, relacionados co patrimonio.
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Rebeca Blanco-Rotea coordina esta Sección, integrada por profesionais como Teresa Nieto, Beatriz Prieto, Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.



