----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Ángel del Castillo, pioneiro da arqueoloxía galega

Foi un camiñante infatigable, percorreu a pé boa parte de Galicia, acompañado sempre da súa cámara fotográfica e duns cadernos onde tomaba notas e realizaba coidadosos debuxos dos monumentos e obxectos que captaban o seu interese. Co tempo, visitou, estudou e catalogou centos de monumentos, converténdose nun dos arqueólogos e historiadores máis prestixiosos da nosa terra. Falamos de Ángel del Castillo (A Coruña, 1886-1961), pioneiro da arqueoloxía galega e última incorporación ao Álbum de Galicia.

A maior parte da obra de Ángel del Castillo é carácter ensaístico e temática histórica ou artística, e está espallada en artigos aparecidos en ducias de publicacións; a cantidade e a calidade dos mesmos demostran que dedicou a súa vida á defensa, catalogación e estudo do noso patrimonio histórico e artístico.

Foi unha persoa moi activa que participou en numerosas entidades como a Real Academia Galega, o Seminario de Estudos Galegos, a Real Academia de Bellas Artes da Coruña, entidade que presidiu dese o ano 1955. Foi, ademais, correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e da de Historia e de moitas outras entidades máis; presidente do Coro Cantigas da Terra e da Comisión Provincial de Monumentos.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.