O Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo creou en 2012 o premio Ernestina Otero coa intención de recoñecer a traxectoria dunha muller ou colectivo en defensa da igualdade. Tomaba o nome da coñecida maestra e firme defensora dun modelo educativo renovador, recoñece o traballo desenvolvido na defensa dos dereitos da muller. En 2020 o Consello Municipal decidiu por unanimidade conceder este galardón a María Xosé Porteiro e que recibe agora, xunto a Mercedes Oliveira, recoñecida en 2021. Antes ca elas recibiron o premio figuras como María Xosé Queizán ou Rosa Cobo.
O acto, restrinxido a trinta persoas asistentes, terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo a partir das 17 horas e será presidido polo alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de igualdade, Uxía Blanco.
Dúas galardoadas en dúas edicións
María Xosé Porteiro traballou en Radio Popular de Vigo, El País, La Voz de Galicia ou El Pueblo Gallego, espazos nos que non era frecuente ver mulleres. Foi xefa de prensa no Concello de Vigo, administración na que estivo á fronte dunha das primeiras concellerías de xénero en toda España, creando unha pioneira casa de acollida de mulleres maltratadas e un dos primeiros centros de información para mulleres.
Alén da súa carreira xornalística, tamén foi política. Polo PSdeG foi concelleira en Vigo (1987-1991 e 2003-2007), deputada no Parlamento galego (1989-1997), no Congreso dos deputados (2004-2007) e Delegada da Xunta de Galicia na Arxentina e Uruguai (2007-2009). Desde 2019 foi designada para ocupar o cargo de Adxunta á Valedora do Pobo. Como escritora ten publicado biografía, ensaio, e narrativa.
Mercedes Oliveira Malvar, tamén coñecida como Chis Oliveira, nada en Pontevedra o 25 de maio de 1957, é doutora en Filosofía e Pedagoxía e unha das activistas máis destacadas no ámbito da igualdade, cun intenso labor nas aulas. É unha das maiores referentes no campo da educación sexual con perspectiva de xénero.
Catedrática de Filosofía no Instituto Alexandre Bóveda de Vigo, Galicia, doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela en 1997 coa tese “A educación afectivo-sexual na adolescencia. Epistemoloxía e didáctica dunha proposta”. Esta investigación expón por primeira vez o que, o como e o desde onde formular a educación sexual na adolescencia de forma sistemática, unha tarefa aínda pendente no sistema educativo.
O seu labor, pioneira e afastada dos estereotipos, foi recoñecida co Premio Irene do Ministerio de Educación no ano 2011. O galardón, que adoita outorgarse a propostas educativas de equipo, foi nesta ocasión concedido a título individual.
Ernestina Otero
Ernestina Elena Otero (Redondela, 1890-1956) foi unha muller renovadora no seu pensamento e na súa práctica profesional. Olalla Márquez é a autora da súa biobibliografía no Álbum de Galicia que destaca a súa traxectoria estudantil e profesional oponse, no que á educación das mulleres se refire, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fillas, nais e esposas.


