NOTICIA

----

Chega a Ourense a mostra que afonda na pegada de Afonso X na cultura galega

O Rei Sabio tivo unha conexión singular con Ourense. Por iso a mostra “Afonso X e Galicia” comezou a súa itinerancia nesta cidade á que chega enriquecida cunha serie de materiais arredor dese fío histórico. A exposición conmemora o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura europea, e convida a coñecer a enorme influencia da súa figura cunha peregrinaxe a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A mostra foi inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; e Sandra Quintas, xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo. O comisario da mostra é o músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell, e Afonso Vázquez Monxardín encargouse da selección documental que complementa a proposta orixinal e ofrece a conexión con Ourense.
Chega a Ourense a mostra que afonda na pegada de Afonso X na cultura galega

Na inauguración, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, fixo fincapé no vínculo especial que Galicia tivo con Europa na época medieval grazas ao Camiño de Santiago, pero tamén entre Afonso X e Ourense e lembrou que este é un ano especial. “Con esta mostra quixemos amosar a Afonso X e a súa conexión con Galicia pero que tamén amosase soños e decepcións, contradicións e os claros e os escuros dun rei pero tamén dun home” asegurou. A exposición ten moitas posibles lecturas. “Esta é a segunda parada pero non é un inicio da itinerancia xa que desde o inicio estaba prevista que estivera en Santiago e en Ourense xa que a pegada afonsina é moito máis intensa na Galicia meridional e eramos sabedores de que dentro do contexto ourensá hai aspectos moi relevantes que conviña poñer de relevo” asegurou Rosario Álvarez.

Pola súa parte, José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, enxalzou na súa intervención a figura do Rei Sabio do que destacou “que potenciou o multilingüismo como elemento fundamental da nosa cultura e avanzou na mestizaxe cultural”.

A proposta expositiva
A exposición chega a Ourense enriquecida cunha serie de materiais que, seleccionados por Afonso Vázquez Monxardín, permite exhibir a conexión do Rei Sabio coa provincia. Entre eles destaca “O Tombo das viñas de Ribadavia”, un rolo de pergamiño procedente do mosteiro de Melón, custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense que se exhibe por primeira vez. Foi considerado como un dos primeiros documentos en galego, xa que os estudosos que inicialmente o consignaron e editaron deron en datalo nos anos previos ao reinado de Afonso X. Canda el pódese ver un privilexio rodado que sae o obradoiro do rei Sabio dirixido ao bispado de Ourense para que non paguen un imposto que se chama moeda. Diferentes paneis permiten visualizar o patrimonio afonsino diseminado en preto de sesenta puntos. “Deste xeito, apuntou o comisario Antoni Rossell, complétase un dos obxectivos da exposición, que pasa por conseguir que se aflore o rico patrimonio galego e se difunda”.

O relato expositivo non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A entrada sitúa o personaxe Afonso X na súa dimensión máis humana. Unha vez dentro, o segundo espazo está destinado a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O terceiro espazo recreará o obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o seu labor científico, histórico e cultural. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos. As Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia presentaranse simultaneamente en seis pantallas que se proxectarán sobre. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa Maria.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, a través de códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

Afonso X: un proxecto político e cultural
A mostra presenta o Rei Sabio como un monarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos e contradicións, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato constrúe a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María en conflito co cabido compostelá. Ademais, emprega a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural.

Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca.

Roteiros por Ourense
O proxecto expositivo compleméntase cun espazo web onde figuran materiais sonoros, audiovisuais e unha proposta oito roteiros xeográficos e culturais que convidan a percorrer o patrimonio galego en conexión co legado afonsino. Comezaron a difundirse no pasado mes de febreiro e agora, coincidindo coa inauguración en Ourense, os días 20 de maio e 17 de xuños lanzaranse no web do Consello da Cultura Galega dous roteiros que percorren esta provincia con esta conexión. Unha proposta que percorre espazos que gardan legado medieval relacionado con Afonso X en forma de documentos, códices, pezas, esculturas moedas, xoias ou calquera outro formato.

Na rede: audiovisual, audios e roteiros
A exposición conta cun espazo web e cun audiovisual que permiten acceder ao contido amosado noutros soportes. A web contén textos recitados, música, informacións e as entrevistas da exposición. O audiovisual ofrece un itinerario pola mostra a través da ollada do seu comisario, Antoni Rossell. En preto de 15 minutos ofrécese unha peregrinaxe intelectual e intanxible polo universo alfonsí en Galicia, pero tamén reivindica a vixencia da súa figura. O traballo audiovisual, feito por Nós TV, sintetiza aspectos da traxectoria de Afonso X, unha figura da cultura europea do seu tempo cunha visión de grande actualidade. No vídeo ofrécese un percorrido pola faceta máis humana do rei sabio, pero tamén pola moderna concepción do seu proxecto político, a universalidade e a aposta firma e decidida pola lingua galega, nunha época en que os conceptos de fronteiras eran máis difusos e permeables que os actuais.