Laura LaMontagne e PicoAmperio ofreceron un concerto que recreou unha atmosfera singular, de ambiente de hip hop que dialogou coa esencia da figura homenaxeada. Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega, lembrou no único discurso desta cita que “preparamos un concerto ao que pensamos lle gustaría ir á propia Xela”. Ademais, expresou que “está especialmente dedicado á xente nova. A esa mocidade que fixo un esforzo cotiá de disciplina, día a día, mes a mes desde o inicio da pandemia” nunha chiscadela clara á aposta da institución polos novos creadores e creadoras que participaron na programación deseñada polo CCG para o Día das Letras Galegas.
O repertorio partiu do repertorio habitual con “Avelaneiras Frolidash”, “Atalaia”, “Banharemonos nas Ondas”, “Porque no Mundo Mengou a Verdade” ou a súa coñecida versión da “Senhora do Almortâo” coa que foron subindo a atmosfera ata chegar á parte central, onde mesturaron o seus sons cos versos da poeta Xela Arias a modo de collage. “Denuncia do Equilibrio” e “Tigres coma Cabalos” son os poemarios dos que se nutreu esta parte central que ofreceu un efectista xogo de luces e videocreacións deseñadas por Borja Bernárdez e Raul Silva, que contribuíron a trasladar o universo simbólico de Xela Arias. Unha proposta que reivindicou a ritmo de música a contemporaneidade das letras da autora de “Intempériome”.
Vigo volcouse co concerto
Era tamén a primeira vez que o Concerto das Letras Galegas tiña lugar en Vigo. Ata alí se desprazou boa parte da familia de Xela Arias; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral de política lingüística, Valentín García; a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias; así como a comisión executiva do Consello da Cultura Galega e outras figuras representativas da sociedade e da cultura galega. As entradas esgotáronse con máis dunha semana de antelación e encheuse dentro das medidas de seguridade marcadas pola crise sanitaria.
O Concerto das Letras Galegas comezou en Santiago de Compostela nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra celebráronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde e María Victoria Moreno. O concerto estivo en Lugo, no ano 2014 lembrando a Díaz Castro; na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María; e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este ano tivo unha segunda edición en Santiago. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela.
Os intérpretes e compositores
Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro participou do colectivo 'Hip Hop Ateneu' e dos grupos Pura Mestura, Furnier e Tempo Norte, mentres que Laura experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte. Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son piares da súa particular expresión artística. Na súa proposta misturan música medieval galego-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Fernando Pessoa. Unha lista á que agora se suma a poeta Xela Arias, á que está dedicado este Día das Letras Galegas.


