O galego atopou na Rede un espazo onde medrar e establecerse. As novas plataformas e redes sociais non son alleas á nosa lingua, que viviu unha expansión constante nos últimos dos anos ao contar con ducias de creadores de contido en YouTube, Tik-Tok, Twitch ou Twitter. A mensaxe é clara: o galego é unha lingua con autonomía, cun público de seu e unha comunidade que pide e quere máis. Pero como usamos o galego nas Redes? Que novos retos ten por diante nas novas plataformas? Que barreiras atopa? Que liberdades encontrou? Sobre todo isto debaterase nunha xornada en liña organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Galega. Nela participan catro das figuras máis destacadas da comunidade galega na rede: Esther Estévez, xornalista que está a realizar un notable traballo divulgativo no espazo da CRTVG titulado “Dígocho Eu” e unha grande orixinalidade no uso do Tik-Tok; Agos Reigosa, un dos veteranos das redes galegas e agora detrás de Twitch en Galego, plataforma que busca a agrupación e asociación dos creadores de contido do país neste servizo; María Sabarís, xornalista na diáspora que acaba de estrear “Fóra de mapa”, un podcast que busca dar a coñecer as minorías menos visibles que existen en Europa; e tamén Jon Amil, unha das caras máis visibles do chamado Galituiter e xestor da conta Emgalego, un dos últimos fenómenos para a expansión e divulgación do reintegracionismo e a resolución de dúbidas sobre a lingua galega.
Modera a mesa Carlos Pereiro, xornalista e director da revista Morcego, amais de membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello de Cultura Galega.



