----

O Parlamento galego aproba por unanimidade a Iniciativa Xabarín

A proposición non de lei promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, coñecida como “Iniciativa Xabarín”, conseguiu a pasada semana o apoio unánime de todos os partidos con representación no Parlamento galego. O acordo acadado supón a creación dunha canle temática da TVG con contidos en galego para a infancia e a mocidade, que emitirá para fibra óptica, adsl, satélite e telefonía móbil. Así mesmo, aprobouse reclamarlle ao Goberno de España que promova as medidas precisas para que a RTVE emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego (nomeadamente os dirixidos á poboación infantil e xuvenil), e impulse o cumprimento dos artigos do Anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual onde se recolle a pluralidade lingüística como principio básico. Por último, ínstase ao goberno galego a promover acordos con outras administracións para garantir a dobraxe en galego en todas as plataformas dixitais, así como a recepción mutua TVG-RTP en Galicia e Portugal. Podes consultar o texto desta proposición non de lei premendo aquí.