A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) promoven o proxecto Os Bolechas. A lingua de signos, co obxectivo de garantir que os nenos e nenas xordas poidan ter acceso aos contidos audiovisuais en lingua galega e, ao mesmo tempo, a poboación infantil galega en xeral adquira os conceptos básicos da lingua de signos. Ao abeiro deste proxecto presentouse unha serie de 46 pezas audiovisuais da famosa familia de monicreques Os Bolechas con subtítulos en lingua de signos, dirixida á poboación infantil de entre 3 a 9 anos con discapacidade auditiva. Así mesmo, tamén está accesible en liña a guía didáctica Os Bolechas. A lingua de signos, destinada neste caso a toda a poboación infantil galega, onde se explica que é a lingua de signos, cales son os signos empregados na comunicación básica infantil e como podemos facilitarlles a comunicación ás persoas xordas.