A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou no acto de entrega que “no oitavo centenario de Afonso X quixemos colocar a figura do rei Sabio diante dos galegos e galegas e, sobre todo, das xeracións máis novas amosando a vixencia do mundo medieval e da súa propia figura”. Unha idea na que afondou a secretaria da institución, Dolores Vilavedra, que explicou que foi “unha aposta decidida do programa da actual presidencia que pasa tamén por unha ampliación dos públicos e por dirixirnos a xeracións máis novas, ao tempo que foi tamén un xeito de homenaxear o espírito lúdico que caracterizou a Afonso X”. Para ela a Game Jam é un espazo máis que sumar á exposición virtual que se pode consultar desde o web do CCG.
Luz Castro, membro do xurado e representante da Asociación Videoxogo.gal, destacou que esta iniciativa “ábrelle as portas aos videoxogos dentro da cultura. Pode ser un primeiro paso para unir videoxogos e cultura, xa que estas iniciativas de creación rápida de xogos son moi interesantes para a producións de contidos interactivos en galego”.
Os gañadores recibiron unha insignia virtual e destacaron a iniciativa. “Para nós valida os videoxogos como produto cultural e non so como aspecto comercial” asegurou Pablo García que engadiu que “tivermos que investigar sobre as cantigas e, alén do aspecto técnico, aprendimos bastante desta época”.
A entrega estaba prevista para ser presencial pero tivo que se adaptar por mor das circunstancias sanitarias.
O xogo gañador
“O xogo é unha especie de Simon dice pero ambientando nas Cantigas de Santa María”, tal e como explicou Carlos Balado, creador xunto con Pablo García de los Salmones do xogo “O Mester”. É un xogo musical cos personaxes que saen nas Cantigas nas que as Ilustracións cobran vida. O xurados membros do xurados destacaron que o proxecto “conta con ambientación musical e visual moi coidada e toques humorísticos que o converten nunha proposta atractiva que permite amosar o potencial das Cantigas de Santa María para seren incorporados a formatos e linguaxes do presente”.
Pablo García de los Salmones (Santander, 25 anos) estudou Enxeñaría en Informática na Universidade de Cantabria e estudou Psicoloxía na UNED. Ten experiencia laboral en estudos de videoxogos e consultoría. Actualmente está a piques de rematar o Máster en Deseño, Desenvolvemento e Marketing de Videoxogos na Universidade da Coruña.
Carlos Balado Sánchez (Vigo, 29 anos). Estudou Enxeñaría en Telecomunicacións con mención en Telemática na Universidade de Vigo. Ten experiencia no ámbito docente e de traballo e actualmente está a ultimar, na rama artística, o Máster en Deseño, Desenvolvemento e Marketing de Videoxogos na Universidade da Coruña. Recibiu o premio INCUVI-Emprende por unha idea de proxecto relacionada con videoxogos móbiles.
Game jam
O certame era unha das actividades paralelas da exposición “Afonso X e Galicia” e contou coa colaboración coa Asociación Galega do Videoxogo. Propuñan un encontro virtual de desenvolvedores para difundir este legado cultural entre o público novo a través de novos soportes e linguaxes. Ademais do xogo gañador tamén se recibiron outras dúas propostas: “Decimus”, de Xogon e Xurxo Diz, que se trata dun xogo de dados, e “Alfonso X y las cuatro cantigas”, de macanaDEV, un xogo de plataformas en 2D. A entrega do premio será o venres 16 de abril ás 17 horas na exposición "Afonso X e Galicia", na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.
O xurado, formado por profesionais e académicos relacionados co sector do videoxogo e os contidos interactivos, valorou a orixinalidade e adecuación ao tema. Os membros eran Luz Castro Pena, profesora da Universidade da Coruña, directiva de Videoxogo.gal, desenvolvedora de videoxogos e socia de imaxin|software; o xornalista Carlos Pereiro, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e editor da revista Morcego; e Manuel Gago, xornalista, profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e director de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación do Consello da Cultura Galega.


