----

Un acto do parlamento destaca a singularidade do Consello da Cultura Galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez destacou esta mañá no parlamento a singularidade da institución desde a súa xenese. “É un órgano asesor e consultivo, ten unha función protectora da cultura galega e ten capacidade de iniciativa para ofrecer propostas e non ten dependencia orgánica do poder executivo” sintetizou. A súa intervención tiña lugar no marco dunha xornada convocada polo Parlamento de Galicia para lembrar os retos das tres institucións xurdidas ao abeiro do Estatuto de Autonomía (CCG, Valedor do Pobo e Consello de Contas) cando se cumpren corenta anos da súa aprobación.
Un acto do parlamento destaca a singularidade do Consello da Cultura Galega

A inauguración do acto contou coa asistencia do vicepresidente, Alfonso Rueda, que lembrou que “o 40 aniversario segue a ser unha oportunidade para lembrar de onde vimos e ver todo o que avanzamos” ao tempo que lembrou que “non é un traballo culminado, quedan cousas por facer e non debemos baixar a garda”.

A primeira das mesas titulábase “Consello da Cultura Galega. Unha experiencia comparada” e serviu para analizar o papel xogado polo CCG desde o seu nacemento ata a actualidade, coa ollada posta en dúas entidades con certas semellanzas como son o Instituto Cervantes, representado hoxe polo seu director, Luís García Montero; e a Organizaçao dous Estados Ibero-americanos para a Educaçao, Ciência e Cultura, a través da súa directora en Portugal, Ana Paula Laborinho. Xesús Fontenla, cronista parlamentario da TVG, foi o encargado de moderar esta mesa que comezou coa intervención de Rosario Álvarez.

Unha institución singular
A presidenta do CCG subliñou a súa singularidade dentro do entramado da arquitectura autonómica española. Está exposto no propio texto estatutario e, sobre todo, polas súas características e finalidades. Entre elas, Rosario Álvarez destacou o seu carácter asesor e consultivo, non executivo; a súa unción protectora da cultura galega, que canaliza a través de informes e propostas que sirvan á defensa e promoción da cultura galega e á consecución dos dereitos e necesidades culturais do pobo galego. Destacou a súa capacidade de iniciativa, investigación e organización sen dependencia orgánica do poder executivo nin está condicionado polas alternancias políticas no Goberno. A hetereoxeneidade da súa composición así como as súas áreas de acción que entenden a cultura en sentido amplo que pode desenvolver os seus fins dentro ou fóra da Galicia territorial. Neste aspecto, destacou a complicidade e a colaboración dos dous relatores presentes na mesa.

As outras institucións
A segunda mesa, moderada por Alejandro López Carballeira, estará centrada na traxectoria do Valedor do Pobo durante o últimas catro décadas. Baixo o título “A institución do Valedor do Pobo. Defensa dous dereitos da cidadanía nunha sociedade en tránsito”, a valedora, María Dores Fernández Galiño, estará acompañada polo seu homólogo navarro, Francisco Javier Enériz Olaechea e o profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Alcalá de Henares, Guillermo Ecobar.

A última das intervencións será, a partir das 12,30 horas, do coloquio sobre o Consello de Contas, que sentará ao conselleiro maior, José Antonio Redondo López, xunto ao presidente do Tribunal de Contas de Portugal, José F. F. Tavares, e o titular da Sección de Fiscalización do Tribunal de Contas, Javier Medina Guijarro. A xornalista da CRTVG, Ana Celia Vázquez será a encargada de moderar esta mesa.

É a terceira das actividades organizadas pola Cámara galega no marco da conmemoración das catro décadas do Estatuto de Autonomía. A primeira tivo lugar o pasado 6 de abril -o mesmo día no que, en 1981, o Estatuto foi sancionado polo Rei- coa entrega da Medalla do Parlamento de Galicia á Xeración Nós, como recoñecemento pola súa condición de inspiradores da autonomía política e o espertar cultural da Galicia das últimas décadas. O 12 deses mesmo mes celebrouse unha xornada, inaugurada polo presidente do Tribunal Constitucional e clausurada polo presidente da Xunta de Galicia, na que reputados académicos das tres universidades e os directores dos principais xornais galegos compartiron reflexións en torno aos froitos e desafíos do texto estatutario desde 1981.

O CCG
O Consello da Cultura Galega é un órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia de carácter asesor e consultivo, que ten como finalidade promover, difundir, asesorar e preservar os valores culturais do pobo galego.

Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, goza de total autonomía orgánica e funcional e actúa con independencia e obxectividade respecto dos poderes da comunidade autónoma e da súa Administración. A súa creación, no ano 1983, é orixinal no panorama autonómico, ao ser a única institución deste estilo que figura recollida nun Estatuto de autonomía.

O Pleno do Consello da Cultura Galega está formado por representantes de diferentes institucións culturais: academias, universidades, fundacións e centros de investigación especializados, e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega.